Noticias

Este mércores remata o prazo de inscrición para a "DepoRuta BTT" da Deputación por Nigrán

A ruta, que terá lugar o domingo 29 de setembro e ten un percorrido circular de 40 quilómetros, discorrerá polos parques forestais de Saiáns, Coruxo e Monte Alba-Cepudo, con vistas espectaculares aos concellos de Nigrán e Vigo


23 setembro 2019
DepoRutas BTT

O prazo de inscrición para a terceira proba das "DepoRutas BTT" da Deputación de Pontevedra estará aberto ata o mércores 25 de setembro. Esta ruta celebrarase o domingo 29 no concello de Nigrán e terá un percorrido circular de 40,2 quilómetros.

A "DepoRuta BTT" de Nigrán ten como punto de saída e chegada o campo de fútbol de Chandebrito. A ruta iniciarase con continuas subidas e baixadas e unhas vistas espectaculares da vila de Nigrán e a ría de Vigo para logo chegar aos parques forestais de Saiáns e Coruxo. No quilómetro 19 os participantes terán o avituallamento da ruta para encarar a segunda parte do itinerario, cun perfil máis esixente, que os levará a ascender o monte de Coruxo ata o seu punto máis alto. A continuación haberá un pequeno descenso antes de afrontar a parte máis dura do percorrido, que levará aos participantes a coroar o Parque Forestal Monte Alba-Cepudo, presidido pola igrexa de Nosa Señora do Alba, un contorno que ofrece unhas vistas espectaculares da cidade de Vigo.

Tras a cita de Nigrán, a seguinte "DepoRuta BTT" terá lugar o 20 de outubro en Salceda de Caselas. E, por último, o 27 de outubro será a quenda da "DepoRuta BTT" de Cangas.

O programa "DepoRutas BTT" ofrece cinco rutas totalmente gratuítas e cun máximo de 300 participantes en cada unha delas. Os obxectivos desta iniciativa da Deputación de Pontevedra son fomentar o deporte e poñer en valor os montes da provincia e a súa inigualable riqueza natural, ecolóxica e patrimonial. O programa está dirixido a todas aquelas persoas maiores de 16 anos que gocen do deporte en contacto coa natureza.