Noticias

Obxectivo: iniciar a rehabilitación dos edificios centrais do Museo a mediados de 2022

O vicepresidente Mosquera salientou que o proxecto da obra, que roldará os seis millóns de euros, estará listo en novembro


01 outubro 2021
Rolda de prensa César Mosquera

O obxectivo é iniciar a rehabilitación dos edificios centrais do Museo a mediados de 2022. Esa é a intención que hoxe anunciou o vicepresidente da Deputación e responsable político do Museo, César Mosquera, tras anunciar que o proxecto da primeira fase da reforma estará listo o vindeiro mes de novembro e que a apertura da licitación prevese para final deste ano se continúa o ritmo previsto.

Mosquera compareceu para anunciar o intenso traballo que se está a facer sobre o Museo nos últimos meses. Subliñou que pese a incidencias internas a día de hoxe o proxecto das obras está practicamente rematado salvo por algúns cálculos de estruturas e de instalacións.  "O ritmo é ese, salvo contratempos temos todo suficientemente avanzado para que este ano se poida licitar e a mediados do ano que vén comezar as obras".

O orzamento da actuación, anunciou Mosquera, quérese axustar todo o posible mais roldará os seis millóns de euros por ser máis ambicioso que o redactado en 2013 (valorado en cinco millóns). Inicialmente, nunha primeira fase realizarase a rehabilitación dos edificios de Castro de Monteagudo e García Flórez, así como a súa conexión soterrada simple. Deixarase para unha segunda fase, a expensas de conseguir máis financiamento e do destino de Santa Clara, a rehabilitación do edificio Fernández López, único inmoble da mazá central que quedaría sen rehabilitar.

As obras da primeira fase consistirán  tanto na eliminación dos engadidos realizados entre os anos 20 e 80 para recuperar o estado orixinal e máis antigo da construción de maneira "coherente", como na dotación de accesibilidade. Unha parte dos inmobles destinarase a zona didáctica e a outra a espazo expositivo para mostras "moi selectas". En total, dos 1.800 metros cadrados aproveitables, quedarán útiles 1.000 metros.

Fondos da Unión Europea

A Deputación, segundo anunciou Mosquera, vai solicitar fondos europeos para mellorar as instalacións do Museo, motivo polo que se está a preparar toda a tramitación para cando se abra a convocatoria.

As obras de rehabilitación e reforma previstas, explicou o nacionalista, faranse igualmente aínda que non cheguen cartos externos grazas aos fondos provinciais, mais apuntou que de chegar algunha inxección europea poderíanse acometer outras fases ou facer máis actuacións das previstas inicialmente.

Santa Clara

 Sobre a posible incorporación de Santa Clara como edificio do Museo Mosquera amosouse cauto, xa que nestes momentos os trámites da compra por parte do Concello aínda non están pechados e tampouco foi posible analizar os terreos e instalacións para ver se son viables como espazo para a institución museística.

"A previsión é que é un bo espazo, pero non está claro. Eu persoalmente penso que si, pero con solucións imaxinativas, só é unha hipótese", subliñou. Afirmou que no momento que se confirme a súa funcionalidade e viabilidade haberá que decidir que parte do Museo sería a que daría contido ao inmoble.

Neste sentido, o vicepresidente dixo que "se se quixeran expor o 25% dos fondos do Museo non chegaría Santa Clara nin tres Santa Clara. Podemos poñer alí o que se queira". De feito, lembrou que só no ámbito da arqueoloxía o Museo ten a obriga pola Lei de Patrimonio de recoller todos os achados da provincia.

Nave para material non expositivo

Outra das novidades anunciadas hoxe foi a contratación dunha nave para gardar todo o material non expositivo que hai nos edificios Castro Monteagudo e García Flórez de cara a baleiralos para a súa reforma. Trataríase de elementos como vitrinas, andeis e elementos similares –ningún tipo de peza artística ou de valor- que precisaban ser almacenados por seren aínda de utilidade. Para ese fin alugouse unha nave na estrada de Ponte Caldelas, no lugar de Ponterriás, que suporá un gasto de menos de 1.000 euros mensuais.

Audios

  • Audio