Noticias

Recta final para as obras de mellora da seguranza viaria na estrada provincial de Cerquido-Borraliño en Salceda de Caselas

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a empresa adxudicataria realizará mañá o pintado da sinalización horizontal


13 xuño 2018
Cerquido-Borraliño en Salceda

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra encara xa a recta final das obras de mellora da seguranza viaria na estrada provincial Ep-2503 entre Cerquido e Borraliño no Concello de Salceda de Caselas. Segundo explicou o deputado provincial Uxío Benítez, a empresa adxudicataria (Covsa) está a finalizar os traballos de aglomerado e iniciará mañá xoves o pintado da nova sinalización horizontal, que marcará os novos carrís de incorporación na intersección do lugar de Budiño, polo que "a Deputación cumprirá unha demanda histórica do Concello".

A actuación nesta vía provincial en Salceda de Caselas fora unha prioridade que o alcalde trasladara tanto ao anterior Goberno provincial como ao actual deputado de Mobilidade, xa que o acceso supoñía un punto negro para o tráfico rodado, destacando pola súa alta sinistralidade. No lugar, de feito, conflúen a estrada provincial e outras vías municipais que dan acceso a diferentes puntos de centralidade: o polígono industrial de O Cerqueiro, o centro cultural de Budiño, a área recreativa de O Coto, o CRA Raíña Aragonta, o parque etnográfico, e a igrexa e cemiterio de Budiño.

O novo Goberno provincial deu o visto bo deseguido tras a petición, e o Departamento de Mobilidade redactou o proxecto con urxencia, mais o inicio das obras demorouse debido á presentación de alegacións por parte das persoas propietarias dos terreos expropiados para ampliar o cruzamento. Unha vez solventadas estas complicacións e aprobado definitivamente o proxecto (cun orzamento de licitación de 115.745 euros), os traballos comezaron no mes de abril e rematan xusto no prazo establecido: dous meses.

O proxecto para resolver a intersección incluíu a creación dunha nova área pavimentada para delimitar novos carrís de incorporación e agarda no cruzamento. A maiores da ampliación da plataforma, corrixíronse os peraltes tendo en conta o alto número de camións que pasa pola zona cara ao polígono industrial de O Cerquido, e implantáronse dous elementos redutores de velocidade en forma de pasos de peóns sobreelevados en ámbolos extremos de actuación, limitando a velocidade a 30 quilómetros hora. Tamén se instalou novo alumeado, potenciándoo na zona de cruzamento con sete novas luminarias tipo led e retirando as catro anteriores.


Novas relacionadas

Reunión en Salceda

28 xuño 2017, estrada, cruce, carretera provincial, estrada provincial, obras de mejora, obras de mellora