Noticias

Recoñecemento do Gremio de Mareantes á Deputación de Pontevedra e a súa presidenta

A histórica entidade nomea a Deputación como presidenta de honra do Gremio e a Carmela Silva como integrante de honra, "por patronear a institución", nunha homenaxe "pola constante colaboración" coa entidade viva máis antiga de Pontevedra


05 Novembro 2021
Gremio de Mareantes

Nun emotivo acto marcado pola cordialidade, a gratitude e a boa sintonía, o histórico Gremio de Mareantes, a entidade viva máis antiga da cidade, nomeou esta tarde á Deputación de Pontevedra presidenta de honra, e a Carmela Silva como integrante de honra da asociación. Jose Luis Arellano, presidente do Gremio, recibiu á presidenta provincial na sede social da entidade onde coñeceu á  xunta directiva e plasmou a súa sinatura no libro de honra do Gremio, recibindo no acto de nomeamento unha metopa e un pergamiño acreditativo deste recoñecemento, amais da medalla. Ao acto, amais de deputadas e deputados provinciais, asistiron concelleiros e concelleiras de Pontevedra, Luis Cortés, xeneral xefe da Brilat en Pontevedra, Pedro Cardona, director da Escola Naval de Marín; Miguel Cortés, subdelegado de Defensa en Pontevedra; e Simón Venzal Contreras, coronel da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

Na súa intervención, o presidente do Gremio de Mareantes sinalou que "é unha honra este nomeamento a unha institución que sempre mostrou o seu agarimo e aprecio por esta entidade demostrando sempre o seu apoio e colaboración". Arellano lembrou que a xente do mar sempre está orgullosa da súa historia e invitou a presidenta provincial a formar parte das antigas tradicións da familia dos mareantes.

Unha emocionada Carmela Silva manifestou o seu orgullo co nomeamento da Deputación como presidenta de honra, e o seu propio como integrante de honra do Gremio, un sentimento que a retrotraeu á historia da súa avoa paterna, Esperanza, orixinaria de Pontevedra como todos os seus antepasados, "dunha zona tan característica como a contorna da Praza de Touros". Lembrou como cando era nena a súa avoa lle contaba historias da cidade, "seguramente inventadas pero sempre con personaxes de Pontevedra". A presidenta provincial recordou tamén as viaxes que facía desde Vigo para ver a súa familia, "viaxes máxicas polo que todo elo marcou unha parte de mi con esta cidade". "¿Que pensaría hoxe a miña avoa Esperanza se mirara a súa neta asinando o libro de honra do Gremio de Mareantes?".

Carmela Silva agradeceu que unha institución tan sobresaínte como o Gremio, cunha historia de séculos contribuíndo a mellorar a vida da xente de Pontevedra, ao patrimonio desta cidade, con máis de 800 anos de historia, nos outorgue este nomeamento. "Estou moi feliz, moi emocionada porque é unha inmensa honra, é algo máxico que nunca puidera ter soñado. É un día moi, moi especial".

Con este nomeamento, a Deputación de Pontevedra convértese na quinta entidade presidenta de honra do Gremio de Mareantes xunto á Escola Naval de Marín, a Brilat, a Consellería do Mar e a Garda Civil.

Vídeos