Noticias

A cidade de Pontevedra protagonista en Cáceres no acto de recollida do premio nacional "El Anillo" pola organización do Mundial Multisport 2019

O alcalde de Pontevedra e a presidenta da Deputación recolleron xuntos o galardón na Gala de entrega do III Congreso Deporte e Turismo de Extremadura


07 outubro 2020
acto de recollida do premio nacional

No escenario de Complexo Cultural San Francisco da cidade de Cáceres, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, compartiron esta mañá "unha inmensa felicidade" no acto de recollida do Premio Nacional "El Anillo" de Deporte e Turismo 2020 no III Congreso de Extremadura, pola organización do Mundial Multisport que a cidade pontevedresa acolleu en 2019.

O xurado destacou as excelentes condicións no que se disputou o Mundial en Pontevedra, a perfecta organización, a implicación de deportistas, voluntariado e cidadanía, "así como o espírito de irmandade, un sentimento que transcendeu ao ámbito deportivo do evento". Con estas sinais de identidade Pontevedra consigue este premio nacional que a Consejera de Cultura, Turismo e  Deportes da Junta de Extremadura, Nuria Flores, entregou a Miguel Anxo Fernández Lores e Carmela Silva que subiron xuntos a recollelo.

O alcalde de Pontevedra subliñou "o orgullo dun premio como este vindo, amais, dunha cidade como Cáceres, e unha comunidade como Extremadura, que son unha potencia turística". Lores sinalou a importancia que ten para a práctica deportiva "un modelo de cidade pensada para a convivencia e para as persoas no que nos empeñamos fai 20 anos". O alcalde pontevedrés, que agradeceu a coorganización da Deputación de Pontevedra no Mundial Multisport, asegurou que "os eventos deportivos son fundamentais para a promoción dunha cidade. Deixan pouso, dixo, e a xente volve". Fernández Lores estendeu os agradecementos ao concelleiro de Deportes, Tino Fernández, que tamén asistiu á entrega, ao equipo de deportes do Concello e á Xunta de Galicia.

Pola súa banda, Carmela Silva, que felicitou á Lores e á cidade de Pontevedra polo galardón, puxo en valor a importancia do deporte ligado ao turismo. "É clave que entendamos que hoxe o turismo demanda emocións, experiencias, vivir en contornas nas que as persoas sexan o centro de todo e o deporte é a grande revolución do século XXI". A presidenta provincial lembrou que "unir turismo con deporte, cultura e patrimonio é apostar pola intelixencia, pola economía e pola xeración de emprego e a cidade de Pontevedra e esta provincia son capaces de crear territorios intelixentes". "O Mundial, dixo, situounos no centro dun grande evento pero sobre todo deu moita felicidade a moita xente e nós cremos que a política debe ser o instrumento para mellorar a vida da xente"

Fotos