Noticias

A Deputación homenaxea o traballo deportivo e de divulgación dos valores naturais de Pilar Barros e Jorge Candán


28 outubro 2021
Recepción á gañadora e gañador do Campionato Mundial de Vídeos de Buceo Submarino

A Deputación de Pontevedra rendeu unha homenaxe a Pilar Barros e Jorge Candán polos éxitos obtidos no Campionato Mundial de Vídeos de Buceo Submarino, que gañaron recentemente por terceira vez, así como no campionato estatal, no que se colgaron a súa sexta medalla de ouro. Foi o deputado de Deportes, Gorka Gómez, quen os recibiu amosando o agradecemento de toda a institución polos éxitos obtidos xa que os seus logros son un reflexo de que "a nosa provincia é unha potencia nacional e internacional do deporte en moitísimas disciplinas".

Gorka Gómez subliñou que o traballo que levan a cabo ambos -para o que contan con cadansúa beca "Depo Dan"- tamén ten como obxectivo o desenvolvemento sustentable. "Hai que poñer en valor que esta actividade deportiva sirve para trasladarlle á xente, sobre todo á máis nova, a importancia de coidar o medio ambiente, neste caso os océanos", afirmou o deputado provincial para quen esta disciplina cobra especial relevancia "nunha provincia onde o mar é o noso referente e nunha comunidade autónoma na é o medio de vida para moitas familias". Gorka Gómez sentenciou que "estamos nunha situación de emerxencia climática e entre todas e todos temos que coidar do noso planeta".

Pola súa banda, Jorge Candán agradeceu o recoñecemento feito pola Deputación e insistiu en que o seu traballo se basea na divulgación dos valores naturais. "En Galicia sabemos que se valora moito o mar dende un punto de vista económico e da tradición mariñeira pero non está tan divulgado dende o punto de vista biolóxico e como valor natural".