Noticias

ReacPon: 20 millóns de euros cara á reacción económica post COVID-19 nos concellos da provincia

O ambicioso programa de investimento da Deputación lanza as súas bases para novos equipamentos, rehabilitación de edificios municipais e dinamización de espazos públicos


21 maio 2021
20 millóns de euros cara á reacción económica postCovid

ReacPon xa está en marcha. O Goberno provincial presentou hoxe as bases para poñer a circular 20 millóns de euros nos concellos de menos de 50.000 habitantes, o ambicioso investimento público que a Deputación de Pontevedra destina cara á reactivación na provincia na etapa postCOVID-19. A presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, deron a coñecer as liñas centrais das bases que, con criterios obxectivos, transparentes, equitativos, respectando a autonomía local e por concorrencia competitiva, permitirán impulsar nos concellos actuacións de rehabilitación, de nova construción e de mellora de espazos públicos. Aprobaranse no próximo pleno e unha vez publicadas os concellos poderán xa presentar os seus proxectos

"Somos unha administración xusta, que reparte os recursos de forma xusta e fixemos un enorme esforzo para que as bases tivesen puntuacións matemáticas, con criterios medibles, o que significa que os proxectos van ser valorados dunha forma transparente e equitativa, para que ninguén se chame a engano", asegurou Carmela Silva. "Alguén ten que comezar a facer ben as cousas –asegurou a presidenta provincial manifestando o seu desexo de que outras administracións traballen do mesmo xeito– e esta administración transformadora está a facelo, apostando por criterios obxectivos e con fórmulas cada vez máis perfeccionadas. Estamos a facer as cousas ben". 

A través de ReacPon Concellos, tal e como explicou, preténdese garantir dereitos e servizos, loitar contra o despoboamento fomentando a igualdade de oportunidades no ámbito rural e urbano, impulsar a sustentabilidade, promover a conectividade e dixitalización na prestación de servizos e a accesibilidade no acceso a equipamentos, espazos e infraestruturas locais no medio rural. Deste xeito, a institución vai dinamizar a economía e colaborar na recuperación posCOVID-19, así como proporcionar aos concellos infraestruturas e dotacións de carácter singular e avanzar na consecución dos Obxectivos 2030 e nas liñas mestras definidas para os fondos Next Generation. 

Pola súa banda o vicepresidente, Mosquera, explicou que o ReacPon pretende executar proxectos "para chegar solucións que contribúan a superar os problemas da pandemia de maneira rápida". Unha das cuestións nas que fixo fincapé, ademais dos criterios obxectivos aos que se referiu a presidenta, é que se esixirá madurez aos proxectos que presenten todos os concellos, puntuando máis a aqueles que estean listos para licitar con todos os informes sectoriais. "Este programa é para reaccionar ante a pandemia", incidiu, ao tempo que resaltou que "hai que facer as cousas ben e un esforzo por modernizar esta administración". O vicepresidente explicou, así mesmo, que a intención é que "todo vaia a punto de cruz", por se se pode substituír o esforzo económico da Deputación por fondos europeos e apuntou que se non se logra cubrir a primeira convocatoria porque non hai proxectos maduros, traballados e participados, abriríase outra.

Con ReacPon Concellos pódense financiar tres tipos de actuacións: rehabilitación, nova construción e espazos públicos. No primeiro caso inclúense rehabilitacións de edificios e instalacións municipais para uso social, cultural, deportivo, turístico e de lecer, así como as dirixidas á infancia e mocidade, atención a vítimas de violencia de xénero ou elementos de interese patrimonial e de uso institucional e administrativo. No que respecta á nova construción, inclúense edificios ou instalacións sostibles e intelixentes e actuacións ambientalmente sostibles e que impulsen a cohesión territorial, a conectividade, dixitalización, accesibilidade e igualdade de oportunidades rural/urbano. Finalmente, no caso de actuacións en espazos públicos búscase darlles un uso plural, amable e fomentar a estancia e as mobilidades alternativas con recuperacións, melloras, urbanizacións, e reurbanizacións que cumpran os principios da rede Ágora.

Cada concello poderá financiar unha actuación ben sexa de rehabilitación, nova construción ou espazo público ata un máximo financiable do 90 % do Plan Concellos que lle corresponde, e un mínimo dun terzo do mesmo, dándoselle prioridade ás rehabilitacións e á mellora de espazos públicos con criterios de sustentabilidade. No que respecta ao cofinanciamento, os concellos con menos poboación achegarán menos recursos que os de maior poboación.

Ademais valoraranse a madurez do proxecto, a contribución a unha economía descarbonizada, a calidade do proxecto e a contribución dos proxectos á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030. De feito, premiarase máis aqueles proxectos xa aprobados polo órgano competente e coa licitación publicada, os que estean aprobados polo órgano competente a licitación, os aprobados polo órgano competente que consten expresamente que están completos e listos para licitar, os que dispoñan das autorizacións sectoriais e os que teñan solicitadas as autorizacións sectoriais. No que respecta á economía descarbonizada valorarase a porcentaxe de mellora da eficiencia enerxética no caso das rehabilitacións, a porcentaxe de independencia respecto das enerxías non renovables nas novas actuacións e, nas actuacións centradas no contorno urbano, a porcentaxe de espazo público dedicado a usos diferentes á circulación de vehículos. Pola súa banda, en canto á calidade do proxecto, medirase a análise de condicionantes e alternativas, os traballos previos conducentes ao coñecemento da realidade do estado actual, as solucións propostas, os materiais, as propostas construtivas e o nivel de detalle das solucións. Finalmente, no que respecta á contribución á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e políticas pancas, terase en conta o cumprimento dos ODS, a aliñación e encaixe global dentro dos mesmos, o cumprimento das políticas panca do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e, no caso das actuacións de contorno urbano, o cumprimento e fomento dos principios da rede Ágora.

 

Audios

  • Audio