Noticias

"Re-Acción nos castelos!" pecha o verán cunha mobilización cultural de máis de 800 persoas en Soutomaior e Sobroso

O programa "Música no ar" leva este sábado ás Neves á sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo e o sábado, 26 actuará en Agolada o cuarteto de corda e de vento da Filharmónica de Pontevedra


19 setembro 2020

"Expectativas desbordadas e unha excelente acollida do público. Estamos encantadas". Así definiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva o "éxito absoluto" do programa "Re-Acción nos castelos!" que este verán acolleron os castelos de Soutomaior e Sobroso, mobilizando, a pesar das restricións da COVID-19, a máis de 800 persoas.

Con "Re-Acción nos castelos!", unha das iniciativas coas que a Deputación quixo reactivar a actividade cultural na provincia e apoiar ao sector trala pandemia, Soutomaior e Sobroso convertéronse en escenarios inéditos de artes escénicas, música, danza e circo, contacontos, creación contemporánea e música clásica, ademais da programación para as crianzas. Diferentes actividades condicionadas polos espazos e capacidades e desenvolvidas baixo o estrito protocolo contra a COVID-19. Foron 14 espectáculos que esgotaron todas as prazas nada máis abrirse a inscrición, tanto as do público infantil como as do adulto.

Remata polo tanto a actividade nos Castelos aínda que a programación de "Re-Acción cultural" se segue a celebrar con "Música no ar", o ciclo centrado na música clásica en escenarios espectaculares da provincia como pazos, castelos e conxuntos patrimoniais. O concello das Neves acolle este sábado á sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo, ás 19 horas, na área recreativa de Santa (na nova Casa da Música se chove), mentres que a próxima semana, o sábado 26, será o concerto do cuarteto de corda e instrumentos de vento da Filharmónica de Pontevedra na praza do concello de Agolada.