Noticias

Luz verde da Deputación ao convenio co Concello do Rosal para o inicio do esperado proxecto de mobilidade sostible Tabagón-Goián

Trátase dunha das actuacións máis ambiciosas nas infraestruturas provinciais que reconverterá de forma integral a EP 3303 entre O Rosal e Tomiño


14 novembro 2020
Visita ao Rosal

O goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo luns o convenio co concello do Rosal que supón o arranque do esperado proxecto de mobilidade segura e peonil na EP 3303 entre Tabagón e Goián (Tomiño). Trátase dun investimento fundamental para o Baixo Miño, baixo a filosofía de recuperar os espazos para as persoas, e que se  traducirá na reconversión integral desta estrada, contribuíndo a fomentar a vida rural e mellorar as súas posibilidades de comunicación dun xeito sostible, potenciando unha alternativa ao vehículo privado que é a bicicleta. O proxecto total realizarase en tres fases e o convenio que se aproba o luns permitirá abordar o primeiro treito, un tramo de preto de 1,7 quilómetros dos 4,5 que ten a estrada. Esta primeira actuación conta cun orzamento de 650.444 euros, dos que a Deputación aportará o 80% e o Concello o 20%,

Esta vía conta cunha importante mobilidade a pé, tanto de peregrinos/as que buscan conectar coa Variante da Costa como de persoas que acoden a Tomiño, pero se caracteriza por un intenso tráfico que imposibilita que ese uso peonil se poida realizar con plenas condicións de seguridade. Agora, con este proxecto, modificarase a sección da estrada co que se poderá acometer a creación dun carril peonil e ciclista.

Amais,  instalaranse redutores de velocidade, renovarase a rede de drenaxe e farase a canalización soterrada para a renovación da rede de alumeado público. Na zona da Escola Unitaria executarase unha plataforma de formigón nunha única rasante compartida para vehículos, persoas e bicicletas con prioridade peonil. Tamén, coas obras proxectadas, quérese contribuír á redución de emisións (Gases Efecto Invernadoiro), fomentando o transporte público, ciclista e peonil, disuadindo de vehículos emisores de gases coa redución da velocidade máxima a 30 quilómetros hora.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).