Noticias

Príncipe Felipe deixará de acoller menores violentos e conflitivos a partir do 1 de xaneiro

A deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, anunciou hoxe o acordo coa Xunta de Galicia, que renuncia a facer uso das 11 prazas do servicio da Unidade de Primeira Acollida (UPA)


01 decembro 2017
Eva Vilaverde

A Cidade Infantil Príncipe Felipe, centro dependente da Deputación de Pontevedra, deixará de acoller desde o vindeiro 1 de xaneiro menores violentos e conflitivos. Así o anunciou hoxe a deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, quen sinalou que a Xunta de Galicia renuncia a facer uso do Servicio da Unidade de Primeira Acollida (UPA) de Príncipe Felipe e acata que os informes técnicos do persoal provincial sexan determinantes á hora de decidir a entrada ou saída de menores do centro.

Ambas cuestións serán recollidas no novo convenio acordado entre a Deputación e a Xunta que se asinará neste mes de decembro e terá vixencia desde o un de xaneiro, e manterá practicamente a mesma achega orzamentaria (782.000 euros) por parte da administración galega. "Hai cinco meses dixemos que a situación de violencia sistemática en Príncipe a íamos solucionar dunha maneira ou doutra, e penso que con este acordo cumprimos o compromiso", manifestou Eva Vilaverde, que destacou que se eliminaron as cláusulas abusivas do anterior convenio, o que supón "unha mellora extraordinaria".

"A partir de agora xa podemos dicir que temos as mans libres para seguir traballando con garantías na mellora da prestación dun servizo de calidade. Estamos moi satisfeitos do resultado da última reunión coa Xunta, entenderon as nosas razóns, entenderon a situación de violencia que tiñamos enquistada, e entenderon as nosas peticións, o cal é de agradecer desde o punto de vista institucional, e desde a idea de manter a cordialidade que é desexable entre dúas administracións", sentenciou.

Vilaverde lembrou que hai cinco meses a Deputación estaba inmersa nunha crise nas relacións coa Xunta provocada por unha situación de violencia das e dos menores derivados polo departamento autonómico e de indefensión por parte da Deputación. Esta situación desembocou, segundo explicou a deputada nun traballador cunha mandíbula rota a causa dunha agresión dun neno, unha muller embarazada tamén agredida, persoal educativo protestando pola situación de inseguridade, informes do persoal de vixilancia onde se falaba de ameazas e intentos de agresións con peticións de traslado, nenos e nenas asustadas e familias preocupadas, entre outros aspectos.

Ante esta situación a Deputación comezou a negociar coa Xunta varias propostas con dúas liñas vermellas: que a Deputación non ía permitir a permanencia no centro de menores violentos e conflitivos que impedisen o funcionamento de Príncipe Felipe e afectasen á seguridade e benestar do resto de nenos e nenas residentes, e que, en consecuencia co anterior e tamén por respecto á súa profesionalidade, que os informes dos equipos técnicos provinciais debían ser determinantes á hora de decidir a entrada ou saída de menores no centro.

Unha vez asinado o novo acordo, a partir do 1 de xaneiro, a Xunta renuncia a facer uso da Unidade de Primeira Acollida desde Príncipe Felipe, e polo tanto pecha esa unidade –con once prazas– que era de uso exclusivo da Consellería de Familia. A esta UPA chegaban menores con comportamentos violentos, condutas aditivas e outro tipo de problemáticas derivados polos xulgados, Policía, Garda Civil sen ningún tipo de avaliación por parte de especialistas. A permanencia máxima no centro debía ser dun mes, mais en moitas ocasións prorrogábase a estadía, o que en moitos casos provocaba situacións negativas de violencia e impedía o correcto traballo do persoal co resto dos menores internados ( a media do centro son uns 210 menores).

Por outro lado, crearase unha comisión de avaliación paritaria con equipos técnicos da Xunta e da Deputación e, en situación de desconformidade, serán os traballadores de Príncipe Felipe quen decida en última instancia os ingreso ou non de menores. Deste xeito, mantéñense as outras 89 prazas de acollemento a disposición da Xunta, que pagará por ocupación real e por reserva.

"Irresponsabilidade de gran calado"

A deputada Eva Vilaverde, ademais de amosarse plenamente satisfeita polo acordo coa Xunta, tamén quixo deixar claro que a situación de violencia en Príncipe Felipe era creada por dous ou tres menores da UPA. "Que un centro así estivese en Príncipe Felipe en medio de 250 menores que non teñen ningún problema de conduta era unha irresponsabilidade de calado. E foi unha decisión adoptada no seu día por un goberno do PP na Deputación que a nós nos chegou herdada", destacou a nacionalista, para congratularse ter acadado unha solución que permitirá mellorar a atención e dar tranquilidade ás persoas traballadoras e menores no centro.

En canto ao uso das instalacións da UPA, Vilaverde quixo destacar que se reorganizarán as unidades de acollemento para ver os mellores usos.