Noticias

Primeira fase do Plan Compost completada con éxito

O vicepresidente presentou hoxe o primeiro compost obtido no composteiro de Príncipe Felipe, de onde hai semanas que non sae nin un quilo de residuos orgánicos para o seu tratamento


13 xul 2016
Plan Compost

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, presentou hoxe o primeiro compost obtido no centro de compostaxe de Príncipe Felipe, onde se situou o ‘banco de probas' do novo plan provincial de residuos.  "Príncipe Felipe era o reto máis difícil: as escopetas estaban cargadas por se funcionaba mal, pero a primeira fase do Plan Compost Revitaliza está completada con gran éxito. O composteiro está funcionando sen ningún tipo de problemas dende hai meses a pesares de ser unha aposta complicada, complexa polos diferentes centros que hai alí e pola cantidade de persoas implicadas… Pero demostramos que somos capaces de levar adiante a compostaxe", asegurou o nacionalista.

Mosquera explicou que os colectores desapareceron de todo o complexo de Príncipe Felipe (formado polos centros de acollida, escola infantil, UPA, Carlos Oroza, colexios e centro de FP) e que os seus integrantes, ao principio reticentes, están participando na compostaxe. "Levamos bastantes semanas xa nas que de Príncipe non sae nin un só quilo de restos orgánicos para tratar noutro lugar. Mestúrase o lixo cos restos de poda para obter o compost e todo está funcionando", aclarou o vicepresidente, que sinalou que a cidade infantil é "o primeiro centro deste tamaño en todo o estado español no que sucede isto". 

En canto a números, o vicepresidente explicou que alí "xérase unha media de 500 quilos de orgánicos cada día, o que equivale a unha vila de entre 1.500 e 2.000 persoas". Este lixo que se foi acumulando seguiu as diferentes fases de compostaxe vixiado polos mestres composteiros dende o pasado mes de marzo. A día de hoxe xa se dispón do primeiro lote de compost: 700 litros de volume que están a ser utilizados para abonar os xardíns e zonas verdes de Príncipe Felipe. "É un compost da mellor calidade, cun olor neutro e textura vexetal que pode ser utilizado para calquera planta e calquer lugar", asegurou.

Como mostra do éxito obtido, Mosquera anunciou que estanse a instalar outros dous composteiros comunitarios para dar saída á gran cantidade de residuos que se xeran no complexo socio-asistencial: outro anexo ao actual ao carón das cociñas dos centros de acollida, e outro para substituír ao composteiro dinámico que se alugara á Universidade da Coruña e que daba servizo ao Carlos Oroza. 

Instalacións nos concellos

Por outra banda, Mosquera tamén anunciou que se está a pechar outra ‘subfase' do Plan Compost Revitaliza "máis social e menos delicada" que a de Príncipe Felipe: a instalación dos centros de compostaxe comunitaria nos concellos. 

A día de hoxe están xa instaladas as unidades dos concellos de Pontevedra (catro composteiros de 6 módulos cada un), Vilaboa (dúas unidades de 3 e 6 módulos), Soutomaior (unha unidade de 8 módulos), Ribadumia (unha unidade de 6 módulos), Illa de Arousa (unha unidade de 6 módulos) e Moaña (unha unidade de 6 módulos). Están a piques de rematar -prevíase que no día de hoxe- as de Caldas de Reis (dúas unidades de 6 módulos).

Sobre os prazos nos que os cidadáns empezarán a depositar o seu lixo nos composteiros, Mosquera indicou que a decisión dependerá de cada concello e da necesidade ou non de realizar máis reunións cos veciños implicados no proxecto. Subliñou que "non lle preocupa a premura, senón que empecen a funcionar ben asentados e con todo en orde", pero sinalou que en dous ou tres meses estarán todos practicamente a pleno rendemento. 

Mosquera lembrou que foran 23 os concellos solicitantes de centros de compostaxe comunitaria, mais sinalou que os prazos para as instalacións estanas marcando os propios municipios en función da súa dispoñibilidade. Asegurou que a Deputación ten máis módulos preparados para instalar e abriu a porta á incorporación ao plan de grandes produtores.