Noticias

Unha gran gala no castelo de Soutomaior porá o broche de ouro á primeira edición de "Descúbreas"

Guadi Galego e Woyza actuarán no evento no que as oito participantes no programa da Deputación e Regalamúsica presentarán os videoclips que gravaron de xeito profesional


24 setembro 2021
Primeira edición de Descubreas

A Deputación visibilizará cun novo gran evento este próximo martes o talento musical feminino da provincia. A Explanada dos Plátanos do Castelo de Soutomaior acollerá ás 20 horas a gran gala que porá o broche á primeira edición do programa Descúbreas, que promoven a institución provincial e Regalamúsica, proxecto de empoderamento das rapazas no ámbito musical dirixido a rachar coas "intolerables" cifras de brecha de xénero que, ao igual que no sector audiovisual, seguen a amosar a invisibilización das mulleres neste ámbito. O evento amosará o conxunto do traballo destes últimos meses e contará coa actuación das músicas Guadi Galego e Woyza

A presidenta da Deputación, Carmela Silva sinalou que "coa música acontece o mesmo que co audiovisual. Elas estudan, son as mellores. Pero logo ter unha carreira profesional convértese nalgo imposible, e por iso naceu este programa da man de Regalamúsica, que desde a Deputación apoiamos porque nos gusta sumarnos aos proxectos intelixentes". A presidenta cualificou de "extraordinarios" os resultados da actividade na que oito mozas foron as protagonistas e serán "as estrelas" na Gala do martes. Trátase de Inés Cortegoso (Pontevedra), Aroa Ferreiro (Vigo), Sara Sanmartín (Pontevedra), María Ferreirós (Vigo), Xia (Uxía González, de Salceda), Law (Laura Martínez, de Vigo), Alicia Moreira (Poio) e Eva Pico (Marín). Elas presentarán os videoclips que gravaron nun estudo como parte do proxecto. "Estas mozas van ter unha carreira musical porque son extraordinarias, boísimas,  e porque estamos empeñadas e empeñados en que así sexa", subliñou a presidenta.  

Guadi Galego interpretará dúas cancións, unha delas "Matriarcas", protagonista do primeiro dos vídeos colaborativos de Descúbreas, no que 20 rapazas de escolas de música uniron as súas voces a 15 instrumentistas para interpretar esta canción. Tamén presentarase a primeira parte do segundo vídeo colaborativo do programa, no que Woyza é a responsable da adaptación da canción I'm a woman, de Helen Redding, que cumpre 50 anos. "Un tema –dixo Carmela Silva- que é o meu himno, que trata de que ás mulleres non nos poden vencer, porque somos a metade do mundo e traballamos xuntas para transformalo". A segunda parte deste vídeo estará conformada coa gravación da interpretación deste tema que precisamente terá lugar en directo na gala, no que Woyza estará acompañada polas mozas participantes para interpretar a mítica canción. Por outra banda, proxectaranse outros dous vídeos, un sobre as actividades de Descúbreas e outro titulado "Mentoring", un resumo do proceso das mozas, que culminou coa gravación dos temas e videoclips.

A Deputación está xa a preparar a segunda edición deste "espectacular proxecto" que, como subliñou a presidenta provincial vai estar dotado con máis dotación, "porque é fundamental que haxa recursos públicos para loitar contra a desigualdade". "Amais –engadiu- imos poñernos en contacto con empresas e outras administracións, como o Ministerio de Igualdade, porque este proxecto precisa de moitos apoios para poder seguir crecendo e que en 5 anos podamos dar novos datos e dicir que teñan mellorado".

Pola súa banda, Javier Abreu, responsable de Regalamúsica, destacou que Descúbreas "é un proxecto transversal" no marco do compromiso coa igualdade, "porque é un absurdo ter tal cantidade de talento e non dalo a coñecer". Agradeceu a sensibilidade de Carmela Silva e a Deputación no apoio a este programa que, como dixo, está lonxe de ser "un Operación Triunfo ou nada que se lle pareza", senón que se centra "no acompañamento das rapazas nos seus primeiros pasos de cara a contactar coa industria musical". "Tamén estamos a falar do seu desenvolvemento persoal, traballando neste contexto de empoderamento –afirmou-. O noso traballo non é tanto facer os videoclips ou gravar as cancions, senón facer que decidan o que queren facer, iso si, asesoradas no percorrido. Non estamos postulando ás rapazas para que se dediquen xa automaticamente ao tema profesional, que sería xenial, senón que decidan se queren ou non ser profesionais". Tamén enxalzou o papel das mentoras, "porque entendemos que un factor fundamental é a transmisión de coñecemento, desde as profesionais do ámbito feminino ao colectivo masculino".

En representación das mentoras, falou Andy González, coach de Imaxe Persoal, quen cualificou Descúbreas como "un proxecto humano e enriquecedor de empoderamento feminino" e destacou a implicación das mozas participantes, "que teñen un talento impresionante. Nótase que hai moitísimo talento, pero aínda se necesitan os medios e proxectos como este para dalas a coñecer. Esperamos que siga a converterse nalgo grande porque é moi necesario".