Noticias

A Deputación presenta unha "batería de iniciativas Ágora" para que os concellos recuperen máis espazo público para as persoas no 2022

O deputado Uxío Benítez presidiu hoxe a Primeira Asemblea Ágora na que deu a coñecer a nova liña de subvencións, o Observatorio Dixital Ágora e a tramitación directa de fondos da UE


03 novembro 2021
Primeira Asemblea Ágora de Concellos Polo Espazo Público

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Mobilidade, celebrou hoxe a Primeira Asemblea Ágora de Concellos Polo Espazo Público na que deu a coñecer a batería de iniciativas que se desenvolverán ao abeiro do Plan Ágora en 2022 para recuperar espazos para as persoas. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou unha  nova liña de axudas económicas para a redacción de proxectos, a creación dun Observatorio Dixital Ágora, e tamén que a Deputación tramitará directamente fondos europeos para proxectos xa maduros de cada un dos concellos da provincia.

A valoración global da asemblea por parte de Benítez foi moi positiva, xa que asistiron máis de medio cento de persoas representantes técnicas e políticas  dos concellos da provincia, ademais de que tomaron a palabra numerosos alcaldes, alcaldesas e outras persoas voceiras municipais contando a súa experiencia e necesidades. Estas últimas resumíronse na petición de que a Deputación siga a exercer de asesora e " dea amparo" aos concellos fronte ás dificultades sociais, e facilite a xestión burocrática ante outras administracións ou a consecución de fondos para levar adiante obras.

Benítez garantiu sen ambaxes o "arroupe da Deputación para abordar o reto social que é a recuperación do espazo público" e a consecución de fondos para executar obras. Subliñou, de maneira tallante, que a pesares de haber complicacións para levar proxectos adiante "hai unha bola de neve crecente a prol do espazo público".

 O nacionalista indicou que a Rede Ágora "ten moitos ollos postos nela para ver se esta experiencia pode ser exportada a outros lugares" e, por tanto, animou a todos os concellos "a que se ilusionen, se motiven, e entre todos e con efecto claro de bola de neve poidamos facer algo grande". Insistiu, de feito, que de poder demostrar con datos que o modelo Ágora é un éxito cabe a posibilidade de conseguir máis fondos tanto estatais como europeos para os concellos pontevedreses.

Á hora de explicar as iniciativas de Ágora para o ano próximo, Benítez destacou que se abrirá unha segunda convocatoria de axudas provinciais dirixidas principalmente á redacción de proxectos. Reiterou o compromiso que existe dende a Deputación e a Rede Ágora en concreto de potenciar a existencia de proxectos sobre a recuperación de espazo público e tamén de viabilizar estes, co claro obxectivo de chegar ao final de mandato en xuño de 2023 cunha valoración cuantificada de metros cadrados gañados para as persoas na provincia. "Nos vindeiros anos vai haber fondos de todo tipo para estas iniciativas e queremos que os concellos esteades preparados con proxectos en carteira", insistiu.

Neste sentido, o deputado nacionalista explicou outra nova liña de axudas pola que a Deputación se porá a disposición dos concellos para tramitar de maneira directa fondos europeos para obras de actuacións xa maduras. Indicou que este venres vai abrirse unha nova convocatoria de fondos da UE dotada con 6 millóns de euros que se verán incrementados con novas inxeccións, e instou aos concellos a "meter" nesa convocatoria "absolutamente todo o que poidan".

Finalmente, Benítez explicou que dende o departamento de Mobilidade porase en marcha un Observatorio Dixital Ágora, unha especie de "caixa virtual na que se depositen todos os exemplos de intervencións que se están a facer nos Concellos Ágora".

A Primeira Asemblea Ágora tamén serviu para facer unha valoración e retrospectiva das iniciativas que leva postas en marcha a Rede durante o seu primeiro ano de funcionamento: asesoramento, 2,4 millóns de euros en subvencións, Facultade Ágora, #FotoÁgora, metrominutos, bicirrexistros, etc.

Fotos

Audios

  • Audio