Noticias

Preto de 90 proxectos preséntanse aos IV Premios á Xuventude da Deputación de Pontevedra

Son 24 traballos máis que na edición anterior, cando optaron aos premios 61 proxectos liderados por mozas e mozos da provincia


02 setembro 2020

Preto de 90 iniciativas de contido dixital, deseño e moda, educación en valores, fotografía orixinal, iniciativa empresarial, iniciativa social, literatura e música lideradas por mozas e mozos da provincia presentáronse aos IV Premios á Xuventude da Deputación de Pontevedra, cuxo prazo de solicitude acaba de rematar esta semana. En total, trátanse de 24 traballos máis que os presentados na edición anterior cando foron 61 os proxectos que optaron aos galardóns. A dotación económica dos premios incrementouse este ano ata os 32.000 euros, un 45 % máis que o ano pasado, que serán distribuídos en oito categorías: Iniciativa Social, Iniciativa Empresarial, Educación en Valores, Contido Dixital, Traballo Musical, Fotografía Orixinal, Traballo Literario Breve e Deseño e Moda.

Este ano a Deputación de Pontevedra lanzou as bases dos IV Premios Provinciais á Xuventude antes da apertura do prazo de inscrición (que se estendeu entre o 1 de xuño e o 31 de agosto), co fin de que as mozas e mozos aproveitasen o confinamento para comezar a idear e desenvolver os seus proxectos. "Queríamos incentivar –destacou a presidenta– todo o talento que durante o confinamento estabamos a ver nas redes sociais, con mocidade ideando propostas para facer fronte á pandemia, ben a través de iniciativas emprendedoras, ou solidarias, ben a través de proxectos ligados á cultura e o entretemento". Deste xeito, nesta edición, concentráronse ata 24 traballos máis que na pasada, cun elevado número de solicitudes en categorías como Traballo Literario Breve, con ata 27 proxectos presentados, Fotografía Orixinal, con 21 iniciativas, ou Traballo Musical, con 15 propostas.

Os preto de 90 proxectos presentados pola mocidade da provincia á IV edición dos Premios á Xuventude repartiranse ata 39 galardóns por valor de 32.000 € distribuídos en oito categorías. Así, as modalidades Iniciativa Social, Iniciativa Empresarial e Educación en Valores, dotadas respectivamente con 4.000 €, contarán con tres premios cada unha. Pola súa banda Contido Dixital, Traballo Musical e Fotografía Orixinal, tamén dotadas con 4.000 € cada unha, contarán con seis premios respectivamente. Haberá ademais ata nove premios na categoría Traballo Literario Breve, dotada con 6.000 € e na que, tralo éxito do pasado ano, apostouse novamente por galardoar ás mellores Bandas Deseñadas. Tamén se revalida a categoría de Deseño e Moda, estreada o pasado ano con numerosas solicitudes, que neste 2020 contará con tres premios dotados con 2.000 euros.