Noticias

Preto de 9.400 persoas xa visitaron os castelos de Sobroso e Soutomaior este verán

Os datos, que inclúen os meses de xuño, xullo e o que vai de agosto, revalidan a aposta da Deputación de Pontevedra por converter a estes recintos históricos en espazos seguros fronte á Covid 19


16 agosto 2020

Ata o de agora xa son preto de 9.400 as persoas que percorreron os castelos de Sobroso e Soutomaior este verán. Deste xeito, estes recintos históricos, consolídanse como eixes de atracción de visitantes trala aposta da Deputación de Pontevedra por convertelos, mediante protocolos específicos, en espazos seguros fronte á covid-19. Amais, o Goberno de Carmela Silva está a impulsar este verán actividades "a medida" como "Re acción nos castelos" ou rutas como a dos viñedos de Soutomaior, que rexistran o "cheo completo" en canto abren os prazos de inscrición.

Castelo de Sobroso

O Castelo de Sobroso rexistrou entre xuño e mediados de agosto 3.319 visitantes, son 20 persoas máis que as que se achegaron ata o recinto o pasado ano durante o mesmo período.  En concreto percorreron o recinto 1.979 en xuño e xullo e, no que levamos de agosto, son xa 1.340 as que se achegaron ata Sobroso. No que respecta ao castelo de Soutomaior, entre xuño e mediados deste mes foron 6.053 as persoas que se achegaron ata el, das cales 3.495 fixérono entre xuño e xullo e 2.558 no que levamos de agosto.

Dende a súa reapertura, a comezos de xuño, a Deputación de Pontevedra apostou por protocolos específicos de seguridade adaptados ás peculiaridades de cada un dos castelos, co obxectivo de garantir a protección das persoas que os están a visitar. Así, reforzouse a limpeza e desinfección de ambas instalacións, colocáronse difusores de produto desinfectante, habilitáronse zonas de espera específica, establecéronse itinerarios para a circulación das persoas e incrementouse a seguridade na atención ao público, con controis de temperatura e medidas de distanciamento social. Neste eido, recentemente o castelo de Soutomaior ven de acadar o selo "Safe Tourism Certified" tras dar cumprimento aos protocolos e medidas do Instituto de Calidade Turística Española para ser un espazo seguro fronte á covid-19.

Castelo de Soutomaior

 Tamén dende a reapertura dos castelos a Deputación de Pontevedra impulsou unha programación específica para Sobroso e Soutomaior, que dá cumprimento aos protocolos de seguridade ante a covid-19, denominada "Re-acción nos castelos". Esta iniciativa, que comezou o xoves 23 de xullo en Sobroso e estenderase ata o xoves 17 de setembro, está a espallar música, danza, teatro, así como actividades e obradoiros para nenas e nenos. Todas elas rexistraron  o aforo completo en horas trala apertura do prazo de inscrición e, nestes momentos, quedan pendentes dúas actuacións previstas para o venres 11 de setembro, ás 19 horas, no castelo de Sobroso a cargo de "Os Quinquilláns" e para o xoves 17 ,tamén ás 19 horas, en Soutomaior co concerto de "Vero Rilo & Sonsoles Penadique".

Amais, esta mesma semana abríase o prazo para participar na ruta "Os viñedos do castelo" que, en pouco máis de 48 horas, esgotaba os cinco percorridos ofertados para visitar Soutomaior. En total, 75 persoas gozarán dunha ruta que combina historia con paseo polos viñedos, cata do caldo "Pedro Madruga" e espectáculo teatral a cargo de Rosso&Bianco.

Os castelos de Soutomaior (este  recentemente musealizado) e Sobroso son dúas das xoias patrimoniais da provincia de Pontevedra, sen esquecer o seu valor histórico. Ademais, atesouran importantes riquezas medioambientais, pois mentres Soutomaior acolle árbores senlleiras e un Xardín de Excelencia Internacional de camelias, en Sobroso hai un parque forestal de gran beleza no que conviven árbores autóctonas e outros exemplares.