Noticias

Preto de 600 persoas participarán esta fin de semana nas excursións do programa "En ruta coa Depo" 2019

Veciñas e veciños de 6 concellos percorren esta semana recursos turísticos da provincia grazas ao programa da Deputación de Pontevedra


21 xuño 2019
En ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" 2019 organiza esta semana 8 novas excursións nas que participarán preto de 600 persoas de seis concellos da provincia. En concreto serán 594 veciñas e veciños dos concellos de Baiona, Vigo, Soutomaior, Salceda de Caselas, Moaña e A Estrada.

Máis polo miúdo, 108 persoas da Asociación Centro Social e Cultural de Baíña irán ao Centro Castrodeza, ao Museo Municipal Ramón María Aller, ao pazo de Liñares e á Casa do Patrón, en Lalín. Outras 108 persoas do Centro Sociocomunitario de Vigo farán o seu percorrido por Pendellos de Agolada, e tamén visitarán, en Vila de Cruces, o museo A Solaina de Piloño, a Fundación Xosé Neira Vilas e a igrexa de San Salvador de Camanzo. Pola súa banda, 54 persoas da Asociación de Veciños de Alxan farán a Ruta dos Muíños no Rosal e coñecerán a fortaleza de Goián, en Tomiño. Tamén, 54 persoas da Agrupación Cultural Xunco de Salceda de Caselas e outras 54 persoas da Asociación Gallega Amigos del Rocío de Vigo darán un paseo en barco pola ría de Arousa con degustación e visitarán o Museo da Salga e o xacemento da Lanzada, no Grove.

Ademais, 54 persoas da Asociación Veciñal Socio-Cultural e Deportiva de Vigo coñecerán a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo. No que respecta ao Club de Xubilados e Pensionistas Nuestra Señora del Carmen de Moaña, 108 persoas percorrerán o pazo de Lourizán e pazo de Gandarón, en Pontevedra, visitarán o pazo de Oca e tamén farán a ruta das Maceiras de Callobre, na Estrada. Por último, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Os Muiños Curantes van coñecer o mosteiro da Armenteira, a Ruta da Pedra e da Auga, os muíños do Batán, o monte do Castro e o pazo de Señoráns.