Noticias

Preto de 500 persoas participan esta fin de semana no programa "Coñece a túa provincia" da Deputación de Pontevedra

Este programa desenvolverase ata o 31 de decembro de 2015


13 nov 2015

Dentro do marco do programa "Coñece a túa provincia", que a Deputación de Pontevedra impulsa a través de Servizos Sociais desde 2008, esta fin de semana preto de 500 persoas poderán descubrir, a través de diversas rutas, a provincia de Pontevedra.

Este programa contribúe á dinamización económica e social da provincia de Pontevedra, ao tempo que impulsa o enriquecemento cultural, o fomento da convivencia e o asociacionismo e pon en valor os principais recursos turísticos da provincia, promovendo así o seu desenvolvemento económico.

Participan no programa entidades de iniciativa social da provincia de Pontevedra (de maiores, mulleres, mozos, persoas con diversidade funcional, veciños, familias e menores) que, a través dunha xornada de convivencia que inclúe traslados en autocar, guías informativas, seguro de viaxe, manutención e visitas, percorren lugares emblemáticos das Rías Baixas. Así, as entidades poden escoller entre 18 rutas que inclúen visitas aos edificios da Deputación de Pontevedra e a concellos coma A Estrada, A Guarda, Arbo, Baiona, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo, Covelo, Cuntis, Forcarei, Lalín, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Nigrán, O Grove, Poio, Portas, Redondela, Ribadumia, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda e Vigo.

Esta fin de semana participarán preto de 500 persoas de oito asociacións de Moaña (Asociación de Mulleres Poza da Moura), A Lama (Asociación Cultural San Antonio da Lama), Lalín (Asociación de Mulleres en Igualdade de Goiás), Campo Lameiro (Asociación Mulleres Rurais A Chanciña), Cuntis (Asociación de Mulleres Rurais As Termas), Ponte Caldelas (Mulleres Rurais do Verdugo), Vigo (AVCD Sampaio) e Vilagarcía de Arousa (Asociación Cultural Xeada).