Noticias

Preto de 400 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa da Deputación "En ruta coa Depo"

Veciñas e veciños de 5 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico


12 outubro 2018
En Ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" organiza esta fin de semana 6 novas excursións nas que participan 358 persoas de 5 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 54 persoas da Asociación Mulleres en Igualdade de Cercio, visitarán o Santuario de Santa María da Franqueira, na Cañiza; Centro de Interpretación da Cera (Favum) e Casa-Museo Pazo da Cruz, en Covelo.

Pola súa banda, 108 persoas pertencentes á Asociación de Nais e Pais San Martiño, coñecerán o Castro de Santa Trega, na Guarda; Espazo Fortaleza, en Goián (Tomiño); conxunto histórico, monte Aloia e Alto dos Cubos, en Tui.

Tamén, 54 persoas da Asociación Parroquia de Veciños de San Juan de Sateles, farán a ruta por Vigo: Centro Arqueolóxico Vila Romana de Toralla, parque de Castrelos, conxunto histórico e zona do náutico.

Por outra banda, 54 persoas pertencentes á Asociación de Mulleres Rurais Avelina Valladares poderán visitar o Parque da Natureza do Río Barosa, en Barro; antiga azucreira, miradoiro do val do Umia e a exposición sobre Domingo Fontán, en Portas; xacemento da Igrexa Vella de Santa Comba de Louro, en Valga; Torres de Oeste, en Catoira.

No caso da Asociación de Viudas de Baiona "Merdeces de la Escalera", 54 persoas coñecerán Arousa: Illa da Toxa, gozaran dun paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación). E tamén van visitar O Grove, Museo da Salga e paseo pola zona, e xacemento da Lanzada.  

E xa por último, 34 persoas de Adapta, farán a súa ruta por Baiona: conxunto histórico, Casa da Navegación, paseo de Monte Boi e paseo marítimo.

"En ruta coa Depo" ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia , promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente os nenos e nenas. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e transporte.

No 2017 participaron na iniciativa "En ruta coa Depo" 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 xa foron adxudicadas en total 21.812 prazas, 4.311 máis que o ano anterior.