Noticias

Preto de 300 persoas participarán esta fin de semana no programa da Deputación "En ruta coa Depo"

Veciñas e veciños de Rodeiro, Salceda de Caselas e Soutomaior percorrerán recursos turísticos da provincia


26 xullo 2019
En ruta coa Depo

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana a través do programa "En Ruta coa Depo" catro novas excursións nas que participarán preto de 300 persoas de catro concellos da provincia de Pontevedra. En concreto trátase de 270 veciñas e veciños de Salceda de Caselas, Rodeiro e Soutomaior, que percorrerán distintos enclaves das comarcas de Arousa, Caldas e o Baixo Miño, así como as Illas Cíes.

Máis polo miúdo, este sábado día 27, 108 persoas da Asociación de Mulleres Terras de Camba (Rodeiro) visitarán A Guarda e Tui, percorrendo o castro de Santa Trega no primeiro caso, e o conxunto histórico, o Monte Aloia e o Alto dos Cubos no segundo destes concellos. Tamén o sábado 27, 54 persoas pertencentes á Asociación de Veciños de San Xurxo (Salceda de Caselas) farán un percorrido pola comarca de Arousa, que inclúe unha visita á Illa da Toxa, un paseo en barco pola ría e, posteriormente, outra parada en O Grove, onde os participantes visitarán o Museo da Salga, darán un paseo pola zona e, por último, irán ao xacemento de A Lanzada.

O domingo 28 serán dúas as entidades que visiten diferentes recursos da provincia de Pontevedra. Así, un grupo de 108 persoas do Centro Cultural Deportivo e Social do Coto (Salceda) farán unha ruta por Cuntis e Caldas, na que coñecerán, no primeiro destes concellos, o conxunto histórico (praza das Árbores, Casa Grande dos Castro), así como o miradoiro do parque Maráns e o castro de Castrolandín, mentres que no concello caldense o percorrido inclúe varios recunchos do casco histórico, como a fonte das Burgas, a ponte romana, o Xardín Botánico e a carballeira. Por outra banda na mesma xornada do domingo 54 persoas da Asociación de Veciños de Romariz (Soutomaior) realizarán a ruta marítima pola Illas Cíes, deténdose tamén a descubrir o barrio mariñeiro do Berbés en Vigo.

O programa "En Ruta coa Depo 2019" oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia.  Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. O programa pretende tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.

 


Novas relacionadas