Noticias

Preto de 250 persoas maiores participan esta semana na modalidade diúrna do programa "Depo termal 2017"

Sumando as persoas participantes nas modalidades diúrna e con pernoita son un total de 515 persoas as que gozan esta semana do programa da Deputación


14 novembro 2017
Depotermal

Ata o vindeiro venres, 237 persoas da provincia maiores de 50 anos están a gozar do programa da Deputación de Pontevedra "Depo termal 2017" na súa modalidade diúrna, acudindo diariamente durante cinco días consecutivos. Este programa ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, facilitando o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función como período de vacacións e tratamento sanitario. Ademais, "Depo termal" pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

"Depo termal" tamén promove espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento das persoas maiores e as situacións de soidade que poidan levar á súa vulnerabilidade. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve entre setembro e decembro e da que se benefician 4.000 maiores da provincia.

As 237 persoas da provincia maiores de 50 anos que esta semana están a participar en "Depo termal" están gozando do Balneario de Mondariz, do Balneario de Cuntis, do Eurostars Illa da Toxa e do Talaso Atlántico de Oia. Máis polo miúdo, ao Balneario de Mondariz están 100 persoas, concretamente 35 de Crecente, 28 de Redondela, 16 de Fornelos de Montes, 9 de Ponteareas, 4 de Pontevedra, 3 de Pazos de Borbén, 2 de Mondariz, 1 de Vigo, 1 de Chapela e 1 de Ponte Caldelas.

Pola súa banda, o Balneario de Cuntis recibe 33 persoas do concello de Vigo, 21 persoas de Pontevedra e 7 de Poio, e o Eurostars Illa da Toxa acolle a 25 persoas da Estrada, 19 de Forcarei e 1 de Pontevedra.

Por último, no Talaso Atlántico de Oia están a gozar 19 persoas de Salceda de Caselas, 5 de Nigrán, 3 do Porriño, 3 de Gondomar e 1 de Salvaterra de Miño.

Sumando as persoas participantes tanto na modalidade diúrna como na con pernoita son un total de 515 persoas maiores de 50 anos as que están gozando esta semana do programa "Depo termal 2017".

Durante este mes, e no que queda de ano, 4.000 maiores de 48 concellos da provincia poderán gozar do programa "Depo termal" a través das súas dúas modalidades. Ao igual que na pasada edición ofértanse prazas gratuítas para persoas en situación ou risco de exclusión social e sen recursos económicos.