Noticias

Preto de 2.000 nenas e nenos clausuraron en Vigo as DEPOrte Escolas de balonmán da Deputación de Pontevedra

O evento, con 300 partidos na rúa Areal, pon o broche de ouro ao programa provincial, que tamén ofertou fútbol, taekwondo, patinaxe, judo, rugby, atletismo, piragüismo e baloncesto


03 xuño 2019
Clausura DEPOrte Escolas de Balonmán en Vigo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, asistiu este domingo, xunto a máis de 2.000 nenas e nenos, ao acto de clausura de "Balonmán na rúa", o macroevento deportivo que celebra o peche das DEPOrte Escolas de balonmán da institución provincial. Así, púxose o broche de ouro a este programa da Deputación, que tamén ofertou outras disciplinas deportivas como o fútbol, o taekwondo, a patinaxe, o judo, o rugby, o atletismo, o piragüismo e o baloncesto, e cuxas escolas tamén están clausuradas.

En Vigo volvéronse dar cita 2.000 nenos e nenas en representación de 144 clubs da provincia de Pontevedra. A competición, que comezou sobre as 11:00 horas, contou con equipos das seguintes categorías: 18 de prebenxamín mixto, 40 de benxamín mixto, 50 de alevín mixto, 19 de infantil masculino e 17 de infantil feminino. No torneo, que se desenvolveu na rúa do Areal da cidade olívica, xogáronse preto de 300 partidos. Tamén se organizou unha gala de entrega de premios na que a rapazada recibiu medallas conmemorativas pola súa participación no evento. Ademais do encontro deportivo propiamente dito, as rapazas e os rapaces que asistiron puideron gozar dunha zona de inchables e dun concerto musical.

Neste temporada das DEPOrte Escolas de Balonmán participaron cativos e cativas de 25 concellos da provincia: Bueu, Cangas, A Cañiza, Gondomar, O Grove, A Guarda, Lalín, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Oia, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.