Noticias

Preto de 2.000 persoas participaron este verán en "Tras as ameas" e "Música no ar"

Os espectáculos culturais da Deputación chegaron a todas as comarcas da provincia, e completaron as capacidades reducidas este ano polas restricións da pandemia


29 setembro 2021

Preto de 2.000 persoas participaron nas actividades de dous dos programas estrela da Deputación de Pontevedra para Aviventar Cultura neste 2021, "Música no ar" e "Tras as ameas", que este verán encheron de música, teatro, animación e circo todas as comarcas da provincia. En total, en ambas as dúas iniciativas programáronse 23 espectáculos nos que completouse a capacidade de asistencia, este ano reducido polas restricións sanitarias.

Máis polo miúdo, o programa "Tras as ameas" levou este ano 12 espectáculos multidisciplinares aos contornos singulares dos castelos de Soutomaior e Sobroso, onde se deron cita preto de 750 persoas desde o mes de xuño, completando a capacidade máxima dispoñible. O programa remata este mércores coa actuación de Vero Rilo e Penadique, que porán en escena Asdomare, ás 19 horas. Os espectáculos das compañías Su-Ma, do mago Pedro Volta e Trilitrate foron os máis seguidos en Soutomaior, onde tamén actuaron con enorme éxito Aldaolado, Teatro Ghazafelhos e desenvolveuse o obradoiro familiar de Pilar Alonso. En Sobroso tiveron unha grande acollida a gala de circo, o espectáculo de Píscore e o do mago Paco, os contacontos de Caxoto ou o obradoiro impartido por Taller Abierto.

No caso de "Música no ar", a institución provincial programou un total de 11 espectáculos en lugares patrimoniais doutros tantos concellos, nos que se deron cita desde xullo e ata este mes de setembro un total de 1.090 persoas. A maior capacidade deuse nas actuacións realizadas na Estrada (pazo de Oca), con Javier Otero e Rubén Iglesias, e na praza da Catedral de Tui, con Ana Belén Rodríguez Trío, completando a capacidade máxima nestes contornos. Tamén tiveron unha excepcional acollida os espectáculos programados en Gondomar, con Suelen Estar Quartet; A Cañiza, con Samudra Trío; Cambados, onde actuaron Estefanía Cereijo e Esperanza Mara e Cangas, con Raíces Aéreas. A programación completouse coas actuacións de Vertixe Sonora (Pontecesures); Clara Pino e Pablo Vidal (A Lama); Pulso Ensemble en Soutomaior; Brais González e Beatriz Arenas (Silleda) e Odaiko Percusión (Mondariz).