Noticias

Preto de 1.200 persoas participan nas excursións do programa da Deputación "En ruta coa Depo" 2019

Veciñas e veciños de 10 concellos percorrerán recursos turísticos da provincia grazas ao programa da institución provincial


28 maio 2019
En ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" 2019 organiza esta semana 14 novas excursións nas que participarán preto de 1.200 persoas de dez concellos da provincia. En concreto serán 1.134 veciñas e veciños dos concellos de Vigo, Caldas de Reis, Tui, Cambados, Redondela, Lalín, Pontevedra, O Porriño, A Estrada e Ponteareas.

Máis polo miúdo, hoxe mesmo, 54 persoas da Asociación Párkinson de Vigo visitan Cangas: o seu conxunto histórico, a igrexa do Hío, o miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home; e Bueu: o Museo Massó e cabo Udra.

Por outra banda, o venres, 108 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas Caldenses coñecerán o conxunto histórico e o parque da Canuda, en Salvaterra de Miño; e, en Arbo, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea e pesqueiras do Miño. Ese mesmo día, 54 persoas do Centro Sociocomunitario de Tui van a visitar Arousa, coñecerán a Illa da Toxa, farán un percorrido en barco pola ría de Arousa (con degustación); e, tamén, irán ao Grove, ao Museo da Salga, e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada. Ademais, 108 persoas do Centro Sociocomunitario Rivera Atienza van a visitar a illa de San Simón, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio; e, tamén, o Museo Meirande de Redondela.

O sábado, 54 persoas da Asociación de Veciños San Vicente coñecerán a comarca de Pontevedra, o mosteiro de Poio, a igrexa de Augas Santas e fonte medicinal, en Cerdedo-Cotobade; e a praia fluvial, en Ponte Caldelas. Ademais, 108 persoas da Asociación de Veciños de los Barrios de Corujo visitarán Pendellos de Agolada; e Vila de Cruces: Museo A Solaina de Piloño, Fundación Xosé Neira Vilas e igrexa de San Salvador e Camanzo. Tamén, outras 108 persoas da Asociación de Veciños de Cabral van a coñecer Arousa, visitarán a Illa da Toxa, farán un percorrido en barco pola ría de Arousa (con degustación); e, tamén, irán ao Grove, ao Museo da Salga, e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada.

Pola súa banda, o domingo, 54 persoas da Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra farán un percorrido por Cambados, Cidade Europea do Viño: conxunto histórico, Museo Etnográfico e do Viño, ruínas de Santa Mariña Dozo, adega do pazo de Fefiñáns (con degustación) e Museo Muíño de Mareas da Seca. Tamén, 54 persoas da Asociación de Mulleres en Igualdade A Xesta e outras 108 persoas da ANPA Celenis do CPI Alfonso VII de Caldas de Reis visitarán o conxunto histórico e o parque da Canuda, en Salvaterra de Miño; e, en Arbo, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea e pesqueiras do Miño. Por outra banda, 108 persoas da Asociación Cultural Os Penediños do Porriño coñecerán Meis: o mosteiro de Armenteira, a Ruta da Pedra e da Auga, os muíños do Batán, o monte do Castro e o pazo de Señoráns. Outras 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais de Castro da Estrada visitarán Arousa, coñecerán a Illa da Toxa, farán un percorrido en barco pola ría de Arousa (con degustación); e, tamén, irán ao Grove, ao Museo da Salga, e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada. No que respecta á Asociación de Mulleres de Barcia, 54 persoas farán a súa ruta polas illas Cíes e polo barrio mariñeiro do Berbés en Vigo. E, por último, 108 persoas da ANPA A Pena do Equilibrio visitarán a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

O programa "En ruta coa Depo" 2019 oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia. En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación de Pontevedra pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.