Noticias

Preto de 1.000 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa "En ruta coa Depo"

Veciñas e veciños de 15 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico


29 xuño 2018
En ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" organiza esta fin de semana 16 novas excursións na que participarán 972 persoas de 15 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 108 persoas da Asociación de Mulleres Rurais A Xuntanza de Fornelos de Montes e da Asociación Párkinson Baixo Miño visitarán o conxunto histórico de Cangas, igrexa do Hío, miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home; Cabo Udra e Museo Massó, en Bueu.

Pola súa banda, 54 persoas pertencentes á Asociación de Veciños de Sobrada poderán coñecer o Parque da Natureza do Río Barosa, en Barro; antiga azucreira, miradoiro do val de Umia e exposición sobre Domingo Fontán, en Portas; xacemento da Igrexa Vella de Santa Comba de Louro, en Valga; e Torres de Oeste, en Catoira.

Tamén, 162 persoas da Asociación de Mulleres Rurais San Xulián de Vea e Baloira, da Asociación Social e Cultural Vaivén e da Asociación de Prexubilados, Xubilados e Pensionistas San Pedro farán a ruta por Arousa, nesta ruta marítima gozarán da Illa da Toxa, darán un paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación), O Grove, Museo da Salga e paseo pola zona, e xacemento da Lanzada.

Por outra banda, 216 persoas da Asociación de Veciños San Miguel de Viladesuso, da Asociación Veciñal Parroquia de Laro e da Asociación O Faiado da Memoria coñecerán a illa de San Simón, o Museo Meirande, Redondela, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio.

Tamén, 162 persoas pertencentes á Asociación Amigos de los Pazos, á Asociación Mulleres Rurais Santa Lucía de Arcos da Condesa e á Asociación Cultural "Coro Domingo Fontán" poderán visitar a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

No caso da Asociación de Veciños San Xurxo, 54 persoas farán a ruta no Morrazo: kaiak na praia de Liméns, costa de Soavela, Cabo Home, praia de Melide, O Facho e praia de Barra.

Pola súa banda, 54 persoas da da A.V.C.D. "Monte da Mina de Castrelos" achegaranse ata o conxunto histórico de Cuntis (praza das Árbores, Casa Grande dos Castro...), miradoiro do parque Maráns, castro de Castrolandín e conxunto histórico de Caldas de Reis (fonte das Burgas, ponte romana, xardín botánico e carballeira).

E xa por último, 162 persoas da Sociedade Cultural Deportiva San Martín de Verducido e da Asociación de Amas de Casa de Tui, coñecerán as illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés.

"En ruta coa Depo" ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia , promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente as nenas e nenos. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e transporte.

No 2017 participaron na iniciativa "En ruta coa Depo" 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que o ano anterior.