Noticias

Colexios oficiais e asociacións de consultorías e empresas únense á Deputación para recuperar espazo público na provincia co proxecto Ágora

O deputado Uxío Benítez insta aos concellos a deseñar proxectos de mobilidade peonil para aproveitar os fondos da UE destinados a políticas de redución de uso do vehículo privado


01 outubro 2020
Proxecto ágora

A Deputación de Pontevedra presentou hoxe aos colexios oficiais e organizacións de consultorías e empresas de enxeñería de Galiza o proxecto Ágora, unha rede de colaboración institucional cos concellos da provincia cuxo obxectivo é a recuperación do espazo público para as persoas fronte ao vehículo privado. O deputado de Mobilidade e Espazos Públicos Uxío Benítez, quixo dar a coñecer a iniciativa de primeira man ao persoal técnico, xa que é e será parte fundamental á hora de deseñar os espazos públicos nas obras executadas polos concellos.

No encontro estiveron presentes, ademais do persoal do departamento provincial de Mobilidade, o decano Enrique Urcola e o secretario Francisco Rosado Corral, do Colexio Oficial de Enxeñeirxs de Camiños; o presidente do Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Pontevedra, Pelayo Celso Eyo Valladares, xunto co vogal Ricardo Sobral Casalderrey; Marta Gallego e Javier Sopelana, da Asociación Galega de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos (AGEINCO), e tamén Eva González, do grupo ICEACSA en representación de ACIGA (Asociación de Consultorías e Enxeñerías de Galicia). Por problemas de última hora escusaron a súa ausencia os representantes do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.  

As e os representantes dos colexios e das asociacións manifestaron a súa intención de total colaboración na iniciativa, que cualificaron como "brillante", "oportuna" ou "ambiciosa", tendendo a man para toda actuación en conxunto xa ben no ámbito da formación, do asesoramento ou da redacción de proxectos. Así mesmo, achegaron aportacións sobre as liñas de subvencións que a Deputación dará aos concellos para a redacción de proxectos de obras recuperación do espazo público.

En canto á formación, o deputado Benítez destacou a ausencia que agora mesmo existe na materia, polo que anunciou a creación para o primeiro semestre de 2021 dunha ‘Facultade Ágora' que permitirá achegar coñecementos sobre o tratamento que debe ter o espazo público e a súa recuperación para as persoas, e que estará destinado tanto a persoal técnico municipal como a políticos locais, "que en moitas ocasións toman decisións nos proxectos que afectan moito no resultado final".

Benítez lembrou que Ágora nace coa finalidade de recuperar o espazo público nos concellos da provincia de forma notable. Subliñou que o obxectivo é que en 2023 haxa un incremento sostido do espazo destinado aos peóns fronte aos coches. Neste momento, dixo o nacionalista, Ágora ten adheridos 44 concellos, o 75% dos da provincia, habendo gobernos locais que fóra de prazo están solicitando incorporarse. "Hai unha grande aceptación do proxecto Ágora na provincia. Compartimos a sensación de que agora é o momento do proxecto Ágora", dixo.

Fondos europeos

Benítez aproveitou para destacar que a día de hoxe  está sobre a mesa o debate sobre como se van xestionar os 140.000 millóns que o Estado español vai recibir da Unión Europea con motivo da crise da COVID-19, estando xa anunciado que un dos catro eixos sobre os que vai facerse obxectivo de gasto vai ser a economía baixa en carbono e o fomento de políticas de redución do uso do vehículo privado.

"Cremos que hai unha oportunidade aí e temos que estar atentos para que diante da crise da pandemia actual poidamos sacar cousas positivas. Xa hai unha maior sensibilización cara a recuperación do espazo público para as persoas con motivo da COVID-19, e se alén diso sacamos financiamento para facer realidade esa recuperación, pois estamos no camiño, estamos no momento. Temos que estar preparados e tamén os concellos deben ter proxectos preparados, ter unha visión estratéxica do que queren facer no seu concello e as cousas claras", insistiu o nacionalista.

Pola súa banda, o decano do Colexio de Enxeñeirxs, Enrique Urcola tamén quixo indicar que a nivel técnico cambiaron as prioridades dos usuarios sobre o espazo público: "Antes era prioritario o coche, agora xa é prioritario o peón, que é o dono do espazo público. O uso da estrada está limitado a unha parte das necesidades de mobilidade da poboación, pero o propietario é o peón, e iso témolo agora claro todos os técnicos, que hai que recuperar o espazo público para o peón".

Urcola, de feito, felicitou á Deputación por poñer en marcha o proxecto Ágora, que definiu como moi interesante, subliñando que "é oportuno e necesario, xa que este é o momento no que hai que realizalo", instando a outras deputacións a aplicar un modelo semellante.

Audios

  • Audio