Noticias

Carmela Silva fai un chamamento a "apostar pola cultura, o elemento máis transformador da sociedade" na presentación de Culturgal

A Feira das Industrias Culturais chega a súa décimo terceira edición baixo o lema "En caso de emerxencia, cultura" e terá lugar entre o 27 e 29 de novembro


20 novembro 2020
presentación de Culturgal

"A cultura é imprescindible, é o elemento máis transformador da sociedade e é indispensable poñela en valor". Con estas palabras, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou hoxe na presentación da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, que se desenvolverá entre o 27 e o 29 de novembro e que este ano leva por lema "En caso de emerxencia, cultura". Neste senso, a presidenta enxalzou que "a cultura é absolutamente segura e non podemos parala".

"Temos que seguir sendo optimistas", continuou, "somos un país de cultura, sempre o fomos, e agora estamos nunha verdadeira explosión". Carmela Silva, que aplaudiu á organización do Culturgal, destacou que "é unha obriga das administracións públicas apoiar este evento, temos que dedicarlle recursos á cultura". Ademais, a presidenta provincial aproveitou para reivindicar que cada día hai máis mulleres en todos os ámbitos da cultura, "polo tanto unha auténtica revolución cultural con nome de muller".

Carmela Silva anuncio que a programación que a Deputación levará a Culturgal a estar ligada a dous grandes eixos transversais: "a igualdade e a memoria". Neste eido, a institución provincial estará presentando as iniciativas e programas levadas a cabo con "Re-Acción cultural", o programa de Memoria Histórica "O pasado por vir" para reivindicar ideas transformadoras de antes de 1936, tamén haberá a performance de Violencia zero Can Cancela Calafrío con María Roja, e presentarase o libro de Diego Piay O castelo de Soutomaior.

Culturgal chega este ano á súa décimo terceira edición como unha ferramenta máis necesaria que nunca para o sector cultural do país, debido á pandemia global. A edición terá un formato semipresencial, prescindirá da presenza de casetas no recinto pero haberá escenarios e presentación de audiovisuais, vídeos, libros, etc. Todo isto será retransmitido por streaming e no recinto haberá un máximo de 50 persoas á vez. Nesta edición, os dous principais obxectivos do evento son facilitar a participación de empresas, creadoras e creadores, profesionais e públicos, e estimular a compra de produtos culturais.