Noticias

A Deputación abre este luns o prazo de inscrición para a segunda das Depoandainas 2020 que percorrerá a Fervenza de Callobre na Estrada

A segunda ruta da quinta edición deste programa gratuíto desenvolverase o 30 de agosto e ofrece 200 prazas


09 agosto 2020

Tras esgotar en apenas 24 horas as prazas para a primeira Depoandaina, a Deputación de Pontevedra abre este luns 10 de agosto o prazo de inscrición para a segunda das rutas programadas. Nesta ocasión as persoas participantes percorrerán a Fervenza de Callobre, no concello da Estrada, o domingo 30 de agosto.

As persoas interesadas en asistir poden anotarse no sitio web da institución provincial (www.depo.gal) ata completar o límite das 200 prazas. Aquelas persoas que se apunten con posterioridade (ata un máximo de 100) pasarán á lista de agarda. O prazo para inscribirse, de non completarse antes o aforo, remata o 24 de agosto ás 12 horas. No caso de non poder asistir á andaina, as persoas inscritas deberán comunicarllo ao Servizo de Deportes antes do peche da inscrición enviando un correo electrónico co nome e o DNI a deportes@depo.gal. Deste xeito, pasará a ocupar a súa praza unha persoa da lista de agarda.

Este verán a iniciativa, que ten sufrido variacións por mor da Covid-19, oferta tres camiñadas por algúns dos enclaves máis emblemáticos da provincia, dirixidas a todas as persoas independentemente da súa idade. Para cada saída hai dispoñibles un máximo de 200 prazas. De cara ao mes que vén, a Deputación ten programada a terceira destas Depoandainas, que terá lugar pola Ruta do Val das Fadas, no concello da Cañiza. Esta ruta realizarase o 20 de setembro e as inscricións para poder realizala estarán abertas entre o 31 de agosto e o 14 de setembro ou ata esgotarse as prazas.