Noticias

Prazas libres para participar nos obradoiros do Museo polo Día Europeo da Arte Rupestre

Este sábado 9 de outubro realizaranse actividades familiares para coñecer exemplos galegos da arte prehistórica


07 outubro 2021
Día europeo da arte rupestre

O Museo de Pontevedra, co gallo do Día Europeo da Arte Rupestre que se celebra este sábado día 9, vai celebrar obradoiros titulados ‘Unha mirada ao pasado, viaxando pola prehistoria de Galicia' para os que dispón aínda de prazas libres.

Os talleres, destinados a público familiar, desenvolveranse ás 12:00 e ás 17:00  horas deste sábado 9. Ao longo dunha hora, as persoas participantes asistirán a unha pequena introdución teórica que lles permitirá obter unha visión diacrónica da arte rupestre prehistórica galega, a través dunha exposición que irá desde os gravados e pinturas dos dolmens ata os da época castrexa.

A parte práctica virará ao redor dos petróglifos da Idade do Bronce e das pinturas, tanto megalíticas como ás novas aparicións en lugares como  Casaio, Penedo Gordo ou Lobarzán. As familias inscritas nesta acción terán a oportunidade de coñecer técnicas, temas, ferramentas, pigmentos e  aglutinantes cos que plasmarán un motivo prehistórico real utilizando un calco sobre unha bolsa de tea de algodón que poderán levar.

Trátase dunha iniciativa para poñer de relevo a importancia cultural, artística e turística da arte prehistórica de toda a xeografía europea e que conta con numerosos exemplos no caso galego. Co obradoiro familiar preténdese ademais aproximar ás nenas e nenos á arte rupestre galega dunha forma lúdica e pedagóxica, para que poidan recoñecer algúns dos elementos abstractos e figurados máis representativos, do mesmo xeito que a forma de vida e posibles crenzas da cultura prehistórica que orixinaron estas manifestacións.

Por outra banda, e xa con destino a público adulto, mañá venres día 8 celebrarase a primeira iniciativa do Museo para conmemorar o Día da Arte Rupestre. Será no Edificio Castelao ás 19:30 horas e consistirá nunha charla divulgativa a cargo do catedrático de Prehistoria da USC Ramón Fábregas titulada ‘Cova  Eirós e as súas manifestacións artísticas'.

Debido a que o aforo de ambas as dúas propostas está limitado polas restricións sanitarias, será necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal.

Os actos co gallo do Día da Arte Rupestre buscan dar a coñecer que o Museo forma parte dende o ano pasado do Itinerario Cultural do Consello de Europa ‘Camiños de Arte Rupestre Prehistórica' (CARP), a maior rede internacional para a cooperación en torno á arte dos primeiros europeos, que reúne nestes momentos máis de 150 dos principais destinos de arte rupestre abertos ao público en España, Portugal, Italia, Francia, Irlanda, Acerbaixán e Xeorxia.