Noticias

Pontevedra acolle o único concerto en todo o Estado dos neoiorquinos Barbez

Terá lugar o vindeiro sábado, ás 20 horas, nas Ruínas de San Domingos


18 xullo 2018
Grupo neoiorquino Barbez

For those who came after: songs of resistance from the Spanish Civil War é o título do último traballo do grupo neoiorquino Barbez, que o vindeiro sábado actuará en Pontevedra no único concerto que teñen programado en todo o Estado español. A actuación terá lugar, ás 20,horas, nas Ruínas de San Domingos e a entrada será de balde ata completar aforo. "É un luxo ter a oportunidade de encaixar este concerto na mesma semana que tivo lugar o alzamento fascista do 36 e cun grupo como Barbez, formado por músicos e músicas de primeira categoría, e que homenaxea a persoas que loitaron contra a barbarie e contra a inxustiza daquel momento" asegura o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ao respecto desta actuación, que se enmarca nas iniciativas que a Deputación realiza ao longo de todo o ano incardinando accións culturais coa reparación da Memoria Histórica.

Barbez é unha formación creada no ano 1997 en Brooklyn e que recorre a estilos musicais como o rock experimental, a música clásica, ou ritmos folclóricos como a cumbia e o flamenco para versionar temas icónicos como L'Internationale ou Viva la Quince Brigada e adaptalos ao público actual. O álbum foi gravado en vivo na Japan Society, en 2016, na xuntanza anual de veteranos da Brigada Abraham Lincoln, un evento que se celebra en New York desde a década de 1940. O máis destacado destas reunións sempre foi a interpretación das cancións protesta das Brigadas Internacionais, que foron dirixidas en varias ocasiones por Pete Seeger, un amigo de toda a vida dos veteranos de Lincoln, quen gravou moitas delas para o seu icónico álbum de 1944, Songs of the Lincoln Battalion. Hai que lembrar que as Brigadas Internacionais estaban formadas por decenas de miles de voluntarios de máis de cincuenta países que viaxaran a España para loitar contra o fascismo, entre os que se atopaban os 2.800 estadounidenses denominados a Brigada Abraham Lincoln.

Barbez está composto polo clarinetista Peter Hess, a intérprete de theremin Pamelia Stickney, o intérprete de marimba e vibráfono Danny Tunick, o guitarrista Dan Kaufman, a violinista Catherine McRae, o baixista Peter Lettre, e o batería John Bollinger; e neste traballo contan coa vocalista Velina Brown e a invitada e invitado Dafna Naphtali na voz de fondo e Sebastian Faber na trompeta. Barbez, que conta con seis traballos editados, xa lanzara en 2013 Bella Ciao inspirado nas antigas melodías dos xudeus romanos e a resistencia italiana durante a Segunda Guerra Mundial.