Noticias

Pontegal 2017 establece dúas categorías específicas para as compañías profesionais de teatro

Entre o 3 de xaneiro e o 1 de febreiro poderán presentarse as solicitudes segundo o modelo que se facilita na páxina web da Deputación


02 xaneiro 2017
Pontegal

Ata o vindeiro 1 de febreiro permanecerá o prazo aberto para que os grupos e artistas poidan solicitar a súa inclusión no Pontegal 2017. As bases deste programa, que saen publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, inclúen o formulario de solicitude, que debe presentarse debidamente cumprimentado e coa documentación anexa pertinente en cada caso.

A principal novidade na convocatoria deste ano atópase no apartado de teatro, no que se establecen dúas categorías para compañías profesionais e unha para compañías non profesionais. Tamén nesta convocatoria se inclúe unha categoría para bandas de jazz e outra para conferenciantes, na que poderán inscribirse persoas con titulación media e superior e que acrediten publicacións sobre as temáticas nas que se inscriban.

"Coa inclusión de novas categorías específicas queremos abrir un camiño cara a dignificación do teatro profesional, e avanzar cara a consolidación dun circuíto estable para esta disciplina", asegurou o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Neste sentido, cómpre destacar que as categorías relativas a teatro profesional son as que máis contía económica contemplan nesta edición do programa. Na categoría de teatro (grupo A) a Deputación asumirá 800 euros, mentres que na categoría (grupo B) a Deputación asumirá 500 euros. As propostas das compañías serán valoradas segundo os parámetros que se establecen nas bases; en función da puntuación acadada serán incluídas no Grupo A ou B, segundo corresponda.

A táboa da edición 2017, ademais de incluír as novas categorías mencionadas, tamén establece incrementos nas contías que asume a Deputación nas categorías relativas a audiovisuais, bandas de gaitas, grupos de folk, orquestras clásicas, e pop-rock. Esta táboa recolle o importe correspondente a cada tipo de grupo, e establece un total de 35 clasificacións. Deste xeito, para as bandas de música establécese un baremo máximo de 600 euros e mínimo de 450 euros, segundo a clasificación de cada unha -número de membros e escola de música-. Para as masas corais contémplanse importes de 270 e 240 euros, segundo a clasificación; para os grupos folclóricos o abano vai entre os 270 e os 200 euros; e para animación infantil, cantautores e cantautoras, poetas e humoristas establece un importe de 210 euros.

Os importes recollidos nesta táboa correspóndense á cantidade que abonará a Deputación por cada actuación, polo que o resto do importe do caché debe ser asumido pola entidade que contrata dita actuación -concellos ou asociacións sen ánimo de lucro.

Dinamización do galego

Todos o grupos, compañías e artistas cuxas inscricións sexan aceptadas neste programa deben realizar as súas actuacións, conferencias e/ou audiovisuais obrigatoriamente en lingua galega. Esíxeselles, ademais, que presenten xunto coa documentación unha declaración asinada na que se comprometen a empregar a lingua galega e unha linguaxe non sexista no desenvolvemento das súas actuacións. Esta obriga tamén debe ser atendida polos concellos e as asociacións que soliciten as actuacións, conferencias e audiovisuais, que deben facer toda a cartelería, promoción e difusión en idioma galego. "Queremos continuar coa política iniciada o pasado ano de apostar pola cultura feita en galego, así como pola promoción e difusión no noso idioma", sinalou Xosé Leal. Asegurou, ademais, que "o Pontegal é un programa con gran demanda, que queremos que se siga consolidando, tanto para darlles cabida ás expresións artísticas da nosa provincia, como para atender as demandas de concellos e asociacións, polo que a aposta polo idioma debe ser fundamental".

O uso do galego é un dos criterios básicos incluídos na adxudicación das actuacións, que xa fora contemplado na pasada edición, atendendo a un dos acordos recollidos no pacto de goberno da institución provincial, que se fundamenta na promoción e defensa do uso do idioma, tanto na propia institución coma entre a cidadanía. Deste xeito, tanto artistas coma concellos e asociacións teñen a obriga de realizar a publicidade en lingua galega, empregar unha linguaxe non sexista e introducir o logo do Pontegal de xeito visible. O non cumprimento destes requisitos é motivo de exclusión das axudas deste programa.

Pontegal 2016

Pontegal é o programa mediante o cal a Deputación de Pontevedra colabora cos concellos e as asociacións sen ánimo de lucro para que contraten actuacións de grupos, compañías e artistas inscritos neste programa. Na pasada edición o Pontegal foi dotado cunha partida de 700.000 euros que, debido á alta demanda de actuacións, foi incrementada ao longo do ano, polo que na edición de 2017 a partida de inicio xa ascende a 800.000 euros.

No pasado exercicio o número de artistas, grupos e compañías que se inscribiron ascendeu a 1.346 euros, unha cifra que, segundo indicou Xosé Leal, "esperamos que se incremente neste ano, porque o que pretendemos e dar cabida a todos e todas as profesionais da provincia, para que teñan a opción de participar do apoio da Deputación". En canto ao número de actuacións concedidas en 2016, estas ascenderon a 2.596, das que as máis solicitadas se corresponderon con bandas de música, animación infantil e proxección de audiovisuais.


Novas relacionadas

Pontegal

15 marzo 2017, galego, música, pontegal, gallego, grupos