Noticias

Pontecesures presume agora do seu tramo urbano do Camiño de Santiago coas obras financiadas pola Deputación de Pontevedra

Os deputados Santos Héctor e Gregorio Agís destacaron "un resultado completamente satisfactorio" e o alcalde destacou que estas obras "serían imposibles sen o apoio da Deputación aos concellos pequenos"


21 outubro 2020
Plan Deporemse Pontecesures

O Camiño de Santiago ao seu paso polo centro urbano de Pontecesures transformouse nun espazo seguro e da máxima calidade gracias ás obras financiadas pola Deputación de Pontevedra nas rúas do Castro e Infesta, actuación enmarcada dentro do plan provincial DepoRemse. As obras, adxudicadas en 187.968,86 euros, foron visitadas hoxe polos deputados de Cooperación e Infraestruturas, Santos Héctor e Gregorio Agís, acompañados do alcalde, Juan Manuel Vidal, así como da concelleira de Cultura, o de Obras e o arquitecto municipal.

As dúas rúas, cun trazado total de case 1,5 Km, forman parte do trazado do Camiño ao paso pola vila do Ulla e presentan unha forte densidade de poboación. Ademais dos seus valores patrimoniais e urbanísticos, acollen importantes dotacións públicas, como no caso da rúa Infesta, onde se sitúa o pavillón municipal de deportes e o colexio público de Pontecesures, onde están matriculados 360 escolares.

Trátase dunha actuación que tanto Santos Héctor como Agís cualificaron de "completamente satisfactoria, que cumpre cos obxectivos marcados, contendo o tráfico, protexendo ao peón e resaltando o patrimonio do Camiño de Santiago". Os deputados felicitaron ao Concello por ter elaborado este proxecto e polo resultado final e manifestaron o orgullo da Deputación por colaborar "nas transformacións urbanas a escala humana, como é esta, iniciativas que encaixan nun modelo que apoiamos e defendemos". Finalmente, adiantaron a vontade da Deputación por seguir colaborando no futuro con Pontecesures, lembrando que o municipio ten tamén pendente outro gran proxecto na beira do río Ulla encadrado no Plan de Reequilibrio.

O alcalde, Juan Manuel Vidal, destacou que é de agradecer o papel que está a xogar a Deputación, "por cumprir tan ben o labor de apoio aos concellos pequenos, facendo posibles obras que doutro xeito serían inviables". Engadiu que actuouse sobre "dúas rúas emblemáticas, vinculadas ao Camiño e polas que discorren milleiros de peregrinos todos os anos". "Estas obras dan visibilidade a Pontecesures porque o resultado é para estar orgullosos". Na súa opinión alcanzouse "un equilibrio entre o tráfico e os peóns" e recordou que gracias a esta actuación a comunidade escolar gozará dun entorno moito máis seguro.

A reforma das rúas do Castro e da Infesta deseña un ámbito de prioridade peonil absoluta cun pavimento continuo de formigón coloreado con bandas de granito. Os camiños contan agora con sinalización axeitada, regulando adecuadamente tanto a circulación rodada como o aparcamento. Ademais, a actuación serviu para renovar completamente tódolos servizos de saneamento, abastecemento e pluviais e creou unha canalización de reserva para futuros servizos. O contorno tamén quedou dotado de bancos, árbores e xardineiras. Con esta actuación quedaron solucionados os problemas que existían nas dúas rúas, derivados da sección irregular, delimitada polas vivendas e a discontinuidade no deseño dos pavimentos.

O concello cesureño ten recibido un total de 3.089.933,87 euros en investimentos, subvencións e transferencias da Deputación desde 2015. Neste tempo fixéronse 23 obras coa liña 1 do Plan Concellos e contratáronse 23 traballadoras/es para servizos municipais coa liña 3. Pontecesures, ademais desta obra no marco do Plan DepoRemse, acadou tamén outra subvención en concorrencia competitiva no Plan de Reequilibrio para as obras de recuperación do espazo público na beira da ría, con 361.431 euros.