Noticias

Ponteareas recibe da Deputación de Pontevedra dúas achegas ao abeiro do Plan Concellos 2017 por valor de preto de 50.000 €

Con estas achegas o Goberno de Carmela Silva aprobou xa o 90,18 % do orzamento que lle corresponde á vila da comarca do Condado


01 novembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra aprobou, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas para o Concello de Ponteareas por valor de preto de 50.000 euros. Con estes novos investimentos, a vila da comarca do Condado poderá sanear as augas fecais da parroquia de Santa Cristina de Bugarín e a instalación dunha estación de bombeo de augas pluviais na parroquia de San Mateo de Oliveira.

Estes novos investimentos na vila súmase aos xa aprobados ata o momento para Ponteareas ao abeiro do Plan Concellos 2017. Así, Ponteareas recibiu xa máis dun millón de euros a través dos cales está a poñer en marcha proxectos como a ampliación da rede de auga potable en Queidores (Bugarín), a pavimentación na rúa de Canedo, a mellora e mantemento na rede viaria municipal, a memoria descritiva e valorada da adaptación de espazo no auditorio para locais de reunión, reposición de saneamento na avenida de Galicia, a reforma do edificio da escola infantil municipal, actuacións de melloras e mantemento na pavimentación da rede viaria municipal, así como para afrontar gasto corrente novo, poñer en marcha a I Edición da Feira do libro, sinalizar e repintar rúas do casco urbano e reparar o rego no campo de fútbol de Pardellas. Ademais, ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos 2017, Ponteareas está a contratar a 34 persoas para desenvolver tarefas que garantan os servizos básicos municipais.

Coa suma desta nova achega, Ponteareas xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 90,18 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 1.032.548,34 euros dun total de preto de 1.144.952,94 euros.