Noticias

Uxío Benítez: "Ponteareas é un exemplo de concello con iniciativa para recuperar o espazo público e a Deputación vai apoialo con todos os seus medios"


15 outubro 2020
Visita a Ponteareas

"Ponteareas é un exemplo de concello con iniciativa para recuperar o espazo público para as persoas e a Deputación vai apoialo con todos os seus medios". Así o manifestou hoxe o deputado provincial de Mobilidade e Espazos Públicos, Uxío Benítez, nunha visita á vila de Ponteareas na que coñeceu ‘in situ' o traballo realizado polo goberno local ao abeiro da filosofía do Plan Ágora, así como a recuperación de zonas para os peóns derivada dos requerimentos de distancia física motivados pola COVID-19 -que se fixo co asesoramento dos técnicos provinciais-.

Na reunión de traballo, Benítez destacou que o concello de Ponteareas foi un dos que primeiro se adheriu ao proxecto de Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público, que ten como obxectivo que de aquí ao ano 2023 se incrementen de maneira substancial os espazos públicos para as persoas. Subliñou  que incluso solicitou axuda e asistencia técnica para as súas iniciativas tanto a longo prazo como de maneira efémera con motivo da pandemia.

"Ponteareas vai ser referente de entre todos os concellos adheridos ata o de agora polo espazo urbano que ten, pola vontade política para recuperar espazo público e polas posibilidades que ofrece a vila", explicou o nacionalista, quen destacou que para o departamento de Mobilidade da Deputación Ponteareas é un "exemplo" de espazo urbano que é necesario recuperar, onde fomentar mobilidades alternativas ás do motor e no que a xente debe adoptar hábitos máis camiñables máis verdes e humanos. "Eses son os obxectivos de Ágora e estamos encantados de que Ponteareas sexa un dos concellos con máis iniciativa neste aspecto", insistiu.

Como apoio, o deputado asegurou que a Deputación "vai poñer todos os seu medios, humanos e técnicos" para que o concello siga a traballar na recuperación de espazo público para aumentar a calidade de vida da súa veciñanza. Sinalou Benítez que ademais, o concello, como adherido á rede provincial, tamén se poderá beneficiar de todas as iniciativas que se desenvolverán nos vindeiros meses e anos.

Pola súa banda, o alcalde Xosé Represas destacou a boa relación do Concello coa Deputación, que dende o 2015 "é un exemplo de colaboración entre institucións cunha mesma liña de actuación nunha cuestión moi importante como a mobilidade, aínda máis relevante nestes momentos de pandemia".

Represas salientou que no caso de Ponteareas, dos 23.000 habitantes, 12.000 viven no núcleo urbano nun espazo moi concentrado. Sinalou que co urbanismo que se organizou en décadas anteriores os espazos libres son moi reducidos, o que "fai máis necesario que o espazo público que hai no centro urbano sexa aposto en prioridade para as persoas, as que máis o necesitan, a infancia, as persoas con problemas de mobilidade, as persoas maiores".

Destacou o rexedor que esa é a liña que se iniciou no Concello no 2015 cunha estratexia que permitiu contar con fondos europeos e tamén coas actuacións da Deputación, manifestando a súa esperanza de que coa nova rede Ágora "nos permita profundizar nos vindeiros anos". "Queremos que a vila e o seu espazo público estea nas mellores condicións de uso para as veciñas e veciños e para as persoas que recibimos no espazo comercial de Ponteareas", finalizou.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos, Uxío Benítez, acompañados de concelleiras do goberno e do persoal técnico plan Ágora percorreron o centro urbano para estudar in situ as fortalezas e debilidades das prazas e rúas para o seu redeseño.

No verán o Concello de Ponteareas sumouse ao Plan Ágora da Deputación de Pontevedra, unha rede de acción institucional a prol de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía. Un dos seus fundamentos é que este espazo público forme parte substancial da vida das persoas como escenario natural da vida colectiva.

Ágora ten adheridos formalmente 44 concellos, o 75% dos da provincia, habendo gobernos locais que fóra de prazo están solicitando incorporarse. "Hai unha grande aceptación do proxecto Ágora na provincia. Compartimos a sensación de que agora é o momento do proxecto Ágora", engadíu o deputado de Mobilidade.

Fotos