Noticias

Ponte Caldelas fará fronte ás obras de diversas vías municipais cunha achega do Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra leva entregado o 81 % do total destinado a Ponte Caldelas dentro do Plan, cun investimento de case 450.000 €


02 outubro 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou un novo investimento para a vila de Ponte Caldelas ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2017". Con esta nova achega este concello poderá facer fronte ás obras de mellora en diversas vías municipais, situadas nos seguintes núcleos de poboación: Avecil, Caritel, A Insua, o acceso a Santa Comba e Tourón. O valor desta nova achega sitúase nun total de 122.869,11 euros. Deste xeito, Ponte Caldelas súmase á listaxe de concellos que reciben axudas do "Plan Concellos" desta Xunta de Goberno, xunto con Covelo, A Estrada e Vilagarcía de Arousa.

Ademais, anteriormente a institución provincial xa destinara a Ponte Caldelas outros 186.044,47 euros en liña 1 para financiar a adquisición dun vehículo turismo, para a instalación dunha cuberta sobre a pista de pádel e a pista de patinaxe do complexo deportivo de Chan da Barcia, para o subministro de equipamento deportivo, para investimentos en equipos de proceso da información e en mobiliario, para realizar un inventario municipal, para remodelar o palco da festa do lugar de Rego do Vargo, para a adquisición de maquinaria e dun equipamento de son, para a rehabilitación dunha pasarela peonil, para realizar obras de acceso aos núcleos rurais do concello, para o subministro de marquesiñas e para investir nunha cociña para o centro sociocultural de Chaín. Ademais, outros 117.884,50 euros serán para a contratación de 11 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

Coa suma desta nova achega, Ponte Caldelas xa recibiu da Deputación de Pontevedra o 81,4 % do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", 443.738,08 euros dun total de máis de 545.000 euros.