Noticias

Ponte Caldelas acolle o curso A Apicultura Moderna e Sostible do proxecto "DepoApicultura"

Máis de 20 persoas participarán na acción formativa presencial no centro cultural, que tamén ten unha parte on line que se desenvolve ata setembro


22 abril 2019
DepoApicultura

A Deputación de Pontevedra desenvolve en Ponte Caldelas a parte presencial do curso formativo A Apicultura Moderna e Sostible, enmarcado no proxecto "DepoApicultura", e que se desenvolve ata setembro. Este martes –23 de abril– e o mércores –24 de abril– vai ter lugar, no Centro Cultural de Ponte Caldelas, a formación presencial desta iniciativa, en horario de 9 a 14 horas. Esta iniciativa tamén ten unha formación on line, que se desenvolve ata setembro. En total, son 50 horas de formación, 40 a distancia e 10 presenciais. Trátase de actuacións totalmente gratuítas.  

"DepoApicultura" é un proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo, que se desenvolve en zonas rurais da Rede Natura das provincias de Pontevedra e de Zaragoza, cuxo obxectivo é o de mellorar a empregabilidade no sector apícola, sobre todo daquelas persoas con dificultades de acceso ao mercado laboral. Dentro destas accións formativas, as persoas participantes aprenderán conceptos e técnicas para levar adiante explotacións apícolas modernas. Entre outros contidos, poderán achegarse, por exemplo, ás técnicas para a extracción do mel, a elaboración de produtos derivados do mel, os métodos para a cría masiva de raíñas ou a situación e orientación das colmeas.

O proxecto "DepoApicultura" inclúe tanto accións formativas presenciais como mixtas. Só cursos presenciais teñen lugar no Rosal, en Vilaboa e en Barro, todos eles xa iniciados. Os cursos mixtos, coma este de Ponte Caldelas, teñen cabida tamén en Salceda de Caselas e no Rosal. Tanto os cursos presenciais coma os mixtos contan con sesións teóricas e prácticas. En canto á teoría, a formación céntrase na apicultura moderna e na elaboración de plans empresariais, nas estratexias de busca de emprego e na preparación do CV. Pola súa banda, as sesións prácticas abordarán cuestións relativas ao estado das colmeas, á súa división, á preparación da colmea incubadora, á cría masiva de raíñas, á revisión e colocación de alzas, á extracción do mel, á profilaxe e tratamentos sanitarios e á elaboración de produtos derivados do mel.

O proxecto "DepoApicultura", cun orzamento de máis de 100.000 euros, ten por obxectivo capacitar ás persoas para a posta en marcha e mantemento dunha explotación apícola moderna, informando sobre as posibles orientacións produtivas e fomentando novas vías de xestión e comercialización mediante o emprego de novas tecnoloxías.