Noticias

Poetas de Irán, Israel, Xapón, Ucraína e Macedonia participarán no IV Obradoiro Internacional de Tradución Poética en San Simón

A Deputación acaba de publicar a compilación do traballo realizado na anterior edición baixo o título "Onde os alacráns"


15 out 2015
IV Obradoiro Internacional de Tradución
IV Obradoiro Internacional de Tradución

O IV Obradoiro Internacional de Tradución Poética "Con barqueira e remador" desenvolverase os días 19 e 24 de outubro na illa de San Simón e contará coa participación de autores e autoras de Irán, Israel, Xapón, Ucraína, Macedonia, Galicia e Cataluña. A iniciativa foi presentada esta mañá pola coordinadora do Obradoiro, a poeta Yolanda Castaño, e polo deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, que estiveron acompañados da concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, e da tradutora da compilación da edición anterior, a escritora Marilar Aleixandre.

O obradoiro concíbese como unha iniciativa cultural pioneira en Galicia e no Estado español, no que, durante unha semana, os autores e as autoras participantes desenvolven un traballo de tradución á súa lingua, ao tempo que se somerxen na cultura galega. Unha semana de traballo colectivo que, en palabras de Yolanda Castaño, supón "un auténtico máster na cultura e no idioma galego". Neste sentido o deputado de Cultura subliñou a importancia dunha iniciativa que contempla "o galego como lingua vehicular, con relevancia cultural na tradución e que convive en pé de igualdade coas linguas dos autores e autoras participantes".

Para difundir e facer máis accesible este traballo a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Publicacións, acaba de editar na colección Cíes a compilación dos poemas da pasada edición nun libro coordinado pola escritora Marilar Aleixandre, titulado "Onde os alacráns'". A propia Marilar Aleixandre, participante na edición do ano 2014, explicou que o título, que procede dun poema de Afonso X, "fai referencia a que os poemas levan a pegada do lugar onde foron escritos, recitados ou traducidos".

O libro é unha edición bilingüe que recolle unha escolma da obra de autores e autoras en inglés, sueco, romanés, éuscaro, checo, letón e galego, que foron os idiomas propios dos participantes da pasada edición. Inclúe as versións orixinais dos poemas xunto ás traducións ao galego.

"Onde os alacráns" presentouse publicamente esta tarde nun acto no Sexto Edificio do Museo e contou coa presenza da propia Marilar Aleixandre, de Yolanda Castaño e da deputada provincial Eva Vilaverde. No transcurso da presentación recitáronse algúns dos poemas compilados e incluíuse unha actuación musical de arpa a cargo de José Maquieira.

Participantes

Nesta edición, ao igual que nas edicións anteriores, participan sete autores e autoras que, en palabras de Yolanda Castaño, "realizarán un traballo intensivo, colectivo e presencial". A autora que actuará como anfitrioa cultural e literaria será a escritora, música e filóloga coruñesa Estíbaliz Espinosa, á que Yolanda Castaño cualificou como "unha das voces máis importantes da súa xeración". Desde Cataluña, concretamente desde Lleida, participa Josep M. Rodríguez. Desde Ucrania chega o poeta, tradutor, ensaísta e crítico literario Ostap Slyvynsky. Desde Irán participa a poeta, dramaturga, editora e tradutora Sholep Wopé, que actualmente vive en California. Desde Xapón chega Yasuhiro Yotsumoto, que actualmente reside en Múnic, e desde Macedonia, Nikola Madzirov. Por último, desde Israel chega a poeta, novelista, editora e tradutora Tal Nitzán, que é ademais a meirande tradutora de literatura hispánica ao hebreo. 

Recitais poéticos multilingües

O IV Obradoiro Internacional de Tradución Poética "Con barqueira e remador" inclúe tres recitais poéticos en Pontevedra, Vigo e Redondela, co fin de que a iniciativa non pase desapercibida para o público galego e poida coñecer de primeira man a obra coa que se traballa.

O primeiro recital terá lugar o mércores día 21, ás oito da tarde, na Casa da Luz en Pontevedra. Neste recital amosarase tanto o traballo poético dos autores e autoras participantes no proxecto coma o seu labor de tradución ao galego. Conta coa colaboración da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e do Concello de Pontevedra. Precisamente a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, animou a todas as persoas que o desexen a asistir e aproveitar esta oportunidade única para achegarse á obra de autores e autoras de gran recoñecemento nos seus países de orixe.

O xoves 22, ás oito da tarde, o recital desenvolverase no Charenton Club Cultura de Vigo, que nesta ocasión conta coa colaboración da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación. O terceiro, tamén ás oito da tarde, terá lugar no Multiusos da Xunqueira de Redondela o venres 23 e nel cada poeta recitará no seu idioma orixinal, seguido das versións en galego realizadas para a ocasión.