Noticias

As asociacións que promoven a igualdade poderán solicitar desde este mércores as actividades culturais do novo programa "Fiando redes"

A Deputación oferta desde encontros con escritoras a representacións escénicas, actuacións musicais, intervencións murais ou faladoiros


16 novembro 2021
Fiando Redes

Trala publicación este martes das bases no Boletín Oficial da Provincia, as asociacións de mulleres e colectivos, federacións e fundacións que teñan como fin prioritario a promoción da igualdade poderán solicitar a partir de este mércores 17 as propostas culturais de temática inclusiva e con perspectiva de xénero que financiará a Deputación de Pontevedra a través do programa "Fiando Redes". Esta nova iniciativa da institución provincial busca activar o tecido asociativo feminino, tecer redes e mobilizar conciencias a prol da sensibilización en igualdade de xénero. Cun orzamento de case 277.000 euros ofrece ás entidades distintas actividades para favorecer a socialización das mulleres, activar a súa participación social e, ao mesmo tempo, visibilizar o traballo das artistas que participan no programa.

"Fiando Redes" supón tamén o inicio da progresiva recuperación dos programas provinciais con participación da cidadanía despois das restricións máis duras da pandemia. As actividades que oferta a Deputación con esta iniciativa enmárcanse en cinco bloques: encontros con escritoras, acción escénica, música, mural e faladoiros. As entidades interesadas deberán solicitar, como máximo, cinco actividades por orde de prioridade entre as mencionadas e a Deputación concederalle a cada asociación unha  proposta, en función da dispoñibilidade e a orde de petición. As solicitudes deberán formalizarse preferentemente por vía electrónica a través da sede electrónica (sede.depo.gal) e deberán pedirse cunha antelación de máis de 20 días naturais á data en que se prevea celebrar.

No caso dos encontros con escritoras, as asociacións poderán elixir entre as autoras  galegas María Lado, Dores Tembrás e Miriam Ferradáns, para organizar estas reunións coas que se pretende dar a coñecer e poñer en valor a creación literaria, ao tempo que se fomentan a lectura, a escritura creativa e a oralidade e valores como a tolerancia e a igualdade.

As accións escénicas integrarán interpretación, música e baile e as entidades poderán optar entre os espectáculos da dramaturga, actriz e directora Mónica Sueiro; o recital "Literarias", con Mariana Carballal, Isabel Blanco e Silvia Penas; e as pezas da creativa e adestradora emocional Baia Fernández ou das actrices Laura Villaverde e Sue Moreno.

As actuacións musicais ofertadas a través de "Fiando Redes" son as das artistas galegas Las Antonias; Regueifas, con Alba María e Lupe Blanco; Zeltia e Nastasia Zürcher, mentres que as artistas que realizarán murais con perspectiva de xénero son Nana, Doa Oa, Laura Tova e Lara Torres.

Por último, no caso dos faladoiros, estarán a cargo da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega (Apaioga) e os colectivos poderán escoller entre os seguintes temas: Prevención de violencias machistas, Coñecendo a menopausia; Autocoidados; Ecofeminismo/Sustentabilidade da Vida; A linguaxe inclusiva como motor do cambio; Recursos contra a violencia machista; Muller e Saúde; Estimulación Cognitiva a través do Xogo; Escape Room da igualdade ou Música, Cine, Televisión.