Noticias

O Consorcio Provincial contra Incendios aproba por unanimidade o orzamento para 2022 que crece un 2%

Son as primeiras contas desde o cambio de modelo á xestión directa e ascenderán a 3,9 millóns de euros, nun escenario de excelente saúde financeira e con débeda cero


02 novembro 2021
Pleno do Consorcio Provincial de Pontevedra 02-11-2021

O pleno do Consorcio Provincial Contra Incendios e de Salvamento, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50% pola Xunta de Galicia, aprobou hoxe por unanimidade o orzamento para 2022, que ascenderá a 3.895.600 euros, o que supón un incremento do 1,98% con respecto ás contas de 2021 (75.900 euros máis).

No pleno, que foi presidido por Carmela Silva como presidenta da Deputación e ao que asistiron o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, e os e as representantes da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, púxose de manifesto que se trata do primeiro orzamento que se elabora desde o cambio de modelo a unha xestión 100% pública, unha vez extinguido o contrato coa empresa Matinsa, orzamento que segundo o informe económico/ financeiro está nivelado tanto no estado de gastos como no de ingresos.

De igual forma valorouse a boa saúde económica do Consorcio Provincial, con solvencia financeira, débeda cero e cun remanente de Tesourería de 4.674.087,62euros, co que se poderá xerar crédito e suplementar as aplicacións para asumir os investimentos que resulten necesarios sen precisar achegas complementarias dos entes consorciados.

Na sesión aprobáronse tamén as bases de execución do orzamento e o cadro do persoal, que foi subrogado co pase do modelo á xestión directa, e de retribucións do ano 2022, cunha previsión de incremento dun máximo do 2% en atención ás previsións do Goberno central.

Finalmente, o pleno deu luz verde á conta xeral do exercicio de 2020 que, segundo o informe da Secretaria Interventora, cumpriu os obxectivos de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e sustentabilidade financeira, e alcanzou un positivo período medio de pago de 13 días.