Noticias

A Deputación avala a posta en valor dos recursos turísticos de Forcarei co proxecto "Pedras que contan historias"

O deputado provincial Carlos Font e a alcaldesa, Verónica Pichel, visitaron a mellorada Área Recreativa de Cotelo, que estrea novas pasarelas e bancos de madeira


26 agosto 2021
Pedras que contan historias

O Concello de Forcarei está a poñer en valor os principais atractivos turísticos do municipio a través do proxecto "Pedras que contan historias", que conta coa financiación da Deputación de Pontevedra no marco do Plan Concellos. O deputado provincial Carlos Font, acompañado da alcaldesa, Verónica Pichel, constatouno nunha visita ao concello, onde xa se instalaron 16 "paneis intelixentes" en puntos estratéxicos. As melloras son especialmente visibles na Área Recreativa do Cotelo, que estrea novas pasarelas e bancos de madeira. Dentro desta iniciativa tamén se instalaron bancos nas Neveiras de Fixó e no Miradoiro de Grobas.

"Pedras que contan historias" foi financiado case na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra e contou cun orzamento de 31.489 euros e unha achega adicional con fondos propios municipais. O proxecto foi ideado para crear unha ruta de turismo de natureza co fío condutor da pedra, elemento característico do territorio a través do cal as persoas visitantes poden facer un percorrido pola historia do concello desde a Idade de Ferro ata a actualidade e coñecer as formas de vida dos seus habitantes, os costumes, as lendas e as tradicións, poñendo en valor castros, pontes medievais, as neveiras e os muíños, entre outros elementos.

O proxecto incidiu na vinculación dun recurso moi coñecido como as Neveiras de Fixó con outros como o Miradoiro de Grobas, aldea abandonada representativa da vida de hai un século no concello, e o mosteiro de Aciveiro. No marco desta iniciativa puxéronse tamén en valor elementos vinculados á ruta das Pontes do Lérez, con paneis na ponte de Gomail, na ponte do Crego, no castro de Loureiro e na Área Recreativa do Cotelo. Neste último punto, ademais, realizouse unha actuación paralela para mellorar o acondicionamento da zona coa colocación de catro pasarelas de madeira accesibles, con material antiescorregadizo, e bancos, contribuíndo a facer máis atractiva a visita a este punto.

Os 16 paneis tecnolóxicos de tamaño A3 levan soporte de madeira e están adaptados para a súa integración no contorno. Levan información gráfica sobre os recursos e referencias que destacan o traballo da cantería da Terra de Montes, a forma de vida das e dos habitantes a través da historia, as lendas de tradición oral e os poemas e cantigas que inspiraron a persoeiros coma o gaiteiro de Soutelo. Virxilio Viéitez e Chano Piñeiro tamén teñen presenza neste proxecto, así como outros lugares e recursos de interese como a Torre de Barciela, as Brañas de Xestoso, os petos de ánimas, o Camiño de Santiago de Compostela e a gastronomía.

Os soportes que os sustentan teñen integradas antenas NFC que permiten o acceso á información simplemente con achegar o dispositivo móbil ao panel, sen necesidade de que o visitante teña que introducir ningún tipo de dato nin descargar unha aplicación específica.

Fotos