Noticias

A Deputación impulsa a actividade no viveiro de Lalín co peche do I Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural

No demoday presentáronse os novos proxectos emprendedores "Maruxío", "Trasdeza Natur", "Elena Cuiña", "BBEnglish" e "Desbroces Botelho"


11 decembro 2020
Peche do I Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural

O viveiro de Lalín acolleu hoxe a xornada telemática na que a deputada provincial Ana Mejías fixo entrega do premio a Carolina Buján, autora de "Descubre o espazo interior", a iniciativa vencedora do primeiro concurso de ideas para a campaña de promoción dos viveiros de empresas, enxalzando a súa orixinalidade, creatividade e calidade. Na actividade, a deputada destacou tamén "a viaxe chea de talento e ideas emprendedoras que saca á luz o enorme potencial do rural da provincia", en referencia aos proxectos participantes no "I Programa de apoio ao emprendemento no rural" que presentaron no demoday as súas iniciativas emprendedoras "Maruxío", "Trasdeza Natur", "Elena Cuiña", "BBEnglish" e "Desborces Bothelho".

Carolina Buján, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, foi a vencedora do primeiro concurso que a Deputación de Pontevedra lanzou, da man da Fundación Roberto Rivas, para promocionar os seus viveiros. A súa proposta foi elixida gañadora pola súa creatividade, que amosa un eslogan sinxelo e con dobre sentido e se centra en impulsar os viveiros como ferramentas de apoio para a creación do tecido empresarial na provincia. Buján, que recibiu hoxe o premio dotado con 2.000 € e fará realidade ao longo dos vindeiros meses a súa idea creativa, propón seis accións en liña que abranguen dende a creación dun sitio web, mail marketing, video marketing, marketing de contido e fidelización, social ads e estratexias de gamificación.

Amais da entrega do premio a Carolina Buján, tamén tivo lugar esta tarde a demoday dos proxectos participantes no "I Programa de apoio ao emprendemento no rural", impulsado tamén pola Deputación en colaboración coa Fundación Roberto Rivas.  Este programa, que puxo hoxe o seu "broche de ouro" á súa primeira edición, tivo por obxectivo asesorar, formar e mentorizar iniciativas emprendedoras centradas no medio rural ou ben que están a desenvolverse neste ámbito. Así, déronse a coñecer os proxectos "Maruxío. Terra de Rebolos", impulsado por María Rivas Couceiro e centrado no desenvolvemento sostible e na dinamización do rural a través dun obradoiro de galletas artesás; "Trasdeza Natur", de Mª José Tallón que ten por obxectivos impulsar a agricultura ecolóxica e sostible, así como a innovación e desenvolvemento rural; "Elena Cuiña", de realización audiovisual ao servizo dos pequenos negocios; "BBEngllish", impulsada por Candi García para impartir formación de inglés online e á carta para empresas e particulares; e "Desbroces Botelho", ideada por Carlos Botelho para mellorar e poñer en valor recursos forestais a través de servizos de limpeza e coidado do medio ambiente.

Fotos

Vídeos