Noticias

"Paraíso roubado" amosa a riqueza da parroquia de Lourizán antes da instalación da planta de celulosa

Este documental, que contou co apoio do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, estrearase o vindeiro mércores no Sexto Edificio ás 20 horas


03 maio 2017
Presentación Paraiso roubado

Paraíso roubado é o título do documental que recupera a memoria da parroquia de Lourizán antes da chegada da planta de celulosa, así como a loita veciñal contra a instalación da pasteira. O traballo, que se estreará oficialmente o vindeiro mércores no Sexto Edificio do Museo ás 20 horas, foi presentado esta mañá polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, polo presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, Antón Masa, e polo director da cinta, Lukas Santiago. O traballo, promovido pola APDR, contou co apoio económico do Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Documental.

"O apoio a este traballo forma parte da aposta por dar vida ao noso audiovisual e por recuperar o noso patrimonio histórico", sinalou Leal durante a presentación. O deputado indicou que "este proxecto, a través dos testemuños que inclúe, supón unha compilación da memoria dunha parroquia, que vai moi en concordancia co traballo deste Servizo e que permitirá que as xeracións vindeiras poidan coñecer como era antes da instalación da planta de celulosa, e que saiban que había outro mundo hoxe xa descoñecido para a maioría de nós". Xosé Leal tamén manifestou que sería interesante que o documental, unha vez estreado en Pontevedra, "teña percorrido polas demais vilas da ría e, incluso, por outros lugares da provincia". Pola súa banda, Antón Masa definiu o proxecto como "un exercicio de memoria histórica". O presidente da APDR indicou, ademais, que é importante que "a xente non esqueza como era a zona antes da chegada da fábrica de celulosa".

O director do documental, Lukas Santiago, asegurou que "é a historia de calquera veciña ou veciño nacido nunha familia de xente mariscadora de Lourizán, e que lle contaron como era a parroquia cando era o paraíso de Montero Ríos ata a súa destrución na época franquista". Explicou, ademais, que el recuperou a historia de primeira man, do seu avó, e que na cinta inclúe tanto testemuños de persoas maiores da parroquia como intervencións de investigadores e historiadores. Santiago fixo especial fincapé na figura da muller, asegurando que "o papel das mariscadoras foi fundamental na loita contra a instalación da planta de celulosa, sobre todo en febreiro de 1959, cando 500 mariscadoras de Lourizán e Campelo fixeron fronte ao exército franquista, acabando moitas delas no hospital militar e catorce no cárcere militar". 

Paraíso roubado céntrase na época previa á instalación da planta de celulosa e recupera o esplendor da parroquia no tempo en que Montero Ríos e outros persoeiros da época, tanto galegos como de fóra, tiñan fixada alí a súa residencia de verán con todo o que isto implicaba, como a actividade económica ligada á Casa de Baños dos Praceres, o arrendamento estacional de casas como fonte de recursos extra para a veciñanza ou a propia actividade ligada ao marisqueo e á pesca. Lukas Santiago anunciou, ademais, que este será o primeiro traballo dunha triloxía que levará por título Lourizán, terra mártir