Noticias

Outros oito concellos da provincia abren as inscricións para o programa da Deputación "Tecendo lazos" 2018

Ponte Caldelas, O Rosal, Soutomaior, Moraña, Portas, Covelo, O Grove e Mondariz-Balneario impulsan diversos obradoiros que buscan promover espazos interxeracionais


11 novembro 2018
Tecendo Lazos

Os concellos de Ponte Caldelas, O Rosal, Soutomaior, Moraña, Portas, Covelo, O Grove e Mondariz-Balneario acaban de abrir os prazos de inscrición en diversos obradoiros do programa "Tecendo Lazos" 2018, impulsado pola Deputación de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa que consiste en realizar obradoiros nos municipios adheridos para promover espazos de encontro entre as distintas xeracións familiares sensibilizando e intercambiando aprendizaxes, recursos e ideas.

No concello de Ponte Caldelas vaise desenvolver o obradoiro "Cantigas e bailes de sempre". No Rosal mantense aberta a inscrición, no propio consistorio, ata o 17 de novembro para a actividade "Xogos de patio". En Soutomaior está aberta a inscrición, ata o 30 de novembro na oficina OMIX, para un obradoiro de "Panxoliñas e bailes tradicionais". Esta mesma temática vaise tratar en Mondariz-Balneario; as persoas interesadas poden inscribirse, no propio Concello, ata o vindeiro 14 de decembro.

En Moraña vaise desenvolver o obradoiro "Patchwork", para o que as inscricións están abertas, na Biblioteca Municipal, ata o 5 de decembro. "Elaboración de xabóns" é o obradoiro que se fará en Portas, para o que as persoas interesadas se poden anotar no Concello ata o 12 de decembro. En Covelo abriuse tamén o prazo para anotarse na actividade "Creación de xoguetes tradicionais" nos servizos sociais do Concello ata o vindeiro 14 de decembro. Este mesmo obradoiro terá lugar no Grove; as persoas interesadas se poden anotar na OMIX ata o próximo 29 de novembro.

O programa "Tecendo lazos" está xa en marcha na case totalidade dos 38 concellos da provincia adheridos este ano. Algúns manteñen os prazos de inscrición abertos e outros xa teñen en marcha os obradoiros, que se desenvolven entre os meses de setembro e decembro. Conta este ano cun total de 60.000 euros de orzamento.

En cada obradoiro poden anotarse persoas de entre 6 e 99 anos de idade, cun mínimo de 10 persoas e un máximo de 30, con polo menos un 40 % de menores. A súa duración é de 16 horas lectivas e axústanse a catro temáticas diferentes: "Risas en familia", "Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia", "O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre" e "Faino ti".

Todos os obradoiros inclúen o módulo "A historia do meu municipio", a través do que as persoas participantes se achegarán máis polo miúdo á historia do seu propio concello, recompilando historias, lendas, contos ou fotografías destes. Cada municipio elaborará un traballo que se presentará a un concurso, que na pasada edición de 2017 gañou o concello da Lama co proxecto "Andando gaña o muíño, que parado está perdido".

"Tecendo Lazos" diríxese aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes; os que se adheriron ao programa nesta edición son 38: Baiona, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga e Vila de Cruces.

Este ano sumáronse 12 concellos máis a esta iniciativa, xa que en 2017 participaron en "Tecendo Lazos" 26 municipios da provincia. En concreto, o ano pasado participaron nos distintos obradoiros realizados un total de 534 persoas, cunha media de entre 19 e 20 en cada unha das actividades realizadas.