Noticias

Outros catro concellos da provincia iniciarán as xornadas de formación sobre a administración electrónica impulsadas pola Deputación

A vindeira semana poñeranse en marcha catro sesións formativas para os equipos dos gobernos locais en Silleda, Cangas, Redondela e A Estrada


09 novembro 2019
Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra levará as xornadas formativas sobre a administración electrónica, dirixidas aos equipos dos gobernos, a outros catro concellos da provincia durante a próxima semana. O obxectivo desta programación é darlles a coñecer as principais funcionalidades e os cambios máis relevantes da plataforma de administración electrónica Gestiona da institución provincial co fin de darlle resposta a cada un dos cumprimentos marcados pola Lei 39/2015 e a Lei 40/2015.

En concreto, o luns 11 de novembro terá lugar a acción formativa en Silleda; o martes 12 será a quenda do concello de Cangas; o mércores 13 as xornadas chegarán a Redondela; e, por último, o xoves 14 recibirá a formación o concello da Estrada. A través destas sesións formativas a institución provincial dotará os novos equipos de goberno de ferramentas e información sobre a administración electrónica.

Máis polo miúdo, darase a coñecer os diferentes libros de rexistro de entrada e saída, a utilización do xestor de expedientes, o acceso ás diferentes convocatorias na aplicación de órganos colexiados e os procesos para activar as sinaturas electrónicas na nube e no móbil, consultar o rexistro e os expedientes, visualizar os libros de actas, consultar experiencias ou presentar mocións e preguntas.

En total, este novo plan de formación beneficia a 53 concellos da provincia adheridos ao proxecto da administración electrónica. No que respecta aos 23 concellos de menos de 5.000 habitantes, as accións formativas terán lugar nas dependencias da Deputación os días 27, 28 e 29 de novembro.