Noticias

Outros 50 estudantes de Formación Profesional realizarán prácticas no estranxeiro grazas a "Prácticum Depo 2016"

Carmela Silva destacou a importancia de poder ter "un contacto directo con outras culturas, idiomas e modos de produción, mellorando a súa empregabilidade"


15 setembro 2017
Practicum Depo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou hoxe da aprobación en Xunta de Goberno da adxudicación do 4.º grupo de bolsas de mobilidade do proxecto "Prácticum Depo 2016", grazas ao que 50 alumnas e alumnos de Formación Profesional de ciclos medios poderán "formarse, facer a súa primeira incursión no mundo laboral e intercambiar experiencias a través de prácticas en empresas e institucións estranxeiras", sinalou Carmela Silva.

Segundo explicou a presidenta, está previsto que o alumnado deste 4.º grupo poida comezar as súas prácticas no mes de outubro, e como novidade nesta quenda, engádese un destino, Islandia, que se suma aos xa anteriores Reino Unido, Irlanda, Italia, Malta, Portugal, Países Baixos e Finlandia. O período de prácticas durará 6 meses, 182 días, incluíndo a ida e a volta.

O "Prácticum Depo 2016" é unha iniciativa plurianual, que ten un desenvolvemento de 24 meses e que se estende ata o 31 de maio de 2018. Grazas a esta iniciativa, que conta cun orzamento de preto de 600.000 euros, un total de 101 persoas de 29 centros, entre alumnado e profesorado, realizan prácticas laborais en diferentes entidades europeas.

Ata a data, 29 persoas xa participaron nesta edición do "Prácticum Depo 2016". Así un primeiro grupo, composto por 20 alumnas e alumnos realizaron a súa mobilidade en Italia, Reino Unido, Portugal e Malta e que regresaron este verán de 2017. Un segundo grupo formado por 4 alumnas e alumnos atópanse neste momento en Italia e Portugal e teñen previsto finalizar as prácticas en febreiro. Igualmente, outro pequeno grupo de 5 alumnas e alumnos estarán en Italia e Irlanda, tamén ata febreiro. Por último, e xunto coas prazas adxudicadas hoxe, restan 22 prazas que "serán adxudicadas en breve" e poderán comezar o seu período de mobilidade entre novembro deste mesmo ano e xaneiro de 2018.

Por outra banda, o "Prácticum Depo" ten garantida a súa continuidade no futuro, xa que o pasado mes de xuño aprobouse unha nova achega de case 900.000 euros para pór en marcha a seguinte edición deste programa, o "Prácticum Depo 2017", que levará a 93 mozas e mozos e profesorado de 33 centros educativos de formación profesional da provincia a coñecer as prácticas realizadas noutros países de Europa ata maio de 2019.

Na primeira edición do "Prácticum Depo" participaron 18 centros, na segunda 29 e na próxima edición farano 33, polo tanto  "cada ano hai máis centros educativos que se están sumando a este programa, o que lle dá a oportunidade a centos de mozos e mozas da provincia a ter un contacto directo con outras culturas, outros idiomas e outros modos de produción, ampliando a súa empregabilidade", engadiu Carmela Silva.

O programa "Prácticum Depo" recibiu desde a súa posta en marcha un investimento de 2,7 millóns de euros (2.640.000 €) para o impulso da mobilidade de 319 persoas, tanto alumnado como profesorado de ciclos formativos, permitindo que poidan realizar tanto as súas prácticas profesionais como docentes, e coñecer o que se está a levar a cabo noutros países da Unión Europea.


Novas relacionadas