Noticias

Outras 82 entidades e empresas turísticas da provincia de Pontevedra optarán este ano ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos SICTED

225 firmas xa contan na actualidade co distintivo, o que converte a Pontevedra na provincia española con máis recoñecementos


16 novembro 2018
Rolda de prensa de Carmela Silva

Ao longo deste ano 2018, un total de 82 novas entidades turísticas da provincia se adheriron ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED), co que acreditan o seu compromiso pola mellora continua dos seus servizos e establecementos. En breve, poderán optar á obtención do distintivo SICTED, algo que na provincia xa teñen a día de hoxe un total de 225 empresas e entidades turísticas que o obtiveron nos dous últimos anos.

"Somos a provincia española con máis distintivos SICTED, o que significa que o sector da provincia de Pontevedra ten un alto compromiso coa calidade turística. Nós desde a Deputación só xestionamos, pero é o sector privado o que fai un enorme esforzo para poder cumprir todos os requisitos que marca SICTED para poder obter este selo de calidade". Así recoñeceu a presidenta da Deputación de Pontevedra, na rolda de prensa para dar conta dos asuntos da Xunta de Goberno, o grande esforzo do sector da provincia pola mellora e a calidade turística.

"En suma, temos na provincia 225 empresas xa co distintivo SICTED, pero hai xa 82 que optan a obtelo, algo que soe outorgarse todos os anos no entorno de Fitur. Todo isto é unha moi boa noticia para a provincia de Pontevedra. O feito de que o sector privado queira facer este esforzo de calidade é un orgullo para todos e todas nós", explicou Carmela Silva.

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, aprobou o expediente de contratación para a adxudicación, mediante procedemento aberto, do Servizo de Implantación e Desenvolvemento Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED). O Plan estratéxico de turismo 2017-2020 pretende que o destino Rías Baixas alcance un nivel de calidade homoxéneo, impulsando un turismo de calidade, sostible e innovador e buscando a desestacionalización das actividades turísticas na provincia. Unha das grandes liñas estratéxicas de actuación é a aposta pola excelencia integral do destino Rías Baixas, e aquí se enmarca a implantación do sistema de calidade SICTED. É un selo de calidade que permite que as empresas turísticas da provincia sexan competitivas, innovadoras e avancen nun servizo de excelencia.