Noticias

Os viveiros de empresas da Deputación celebran o quinto aniversario cun Plan de dinamización a prol do emprendemento rural e a economía circular

Un total de 66 empresas naceron ou "maduraron" nas instalacións deste servizo, creado no ano 2016 como ferramenta para impulsar novas iniciativas empresariais na provincia


02 xuño 2021
Viveiros de Empresas

A Deputación lanza un Plan de dinamización dos Viveiros de Empresas de Barro e Lalín co obxectivo de pisar o acelerador na reactivación económica e de continuar potenciando un servizo que nos seus cinco anos de existencia fixo posible a creación ou "maduración" dun total de 66 proxectos empresariais. O plan, que consiste en actividades que poñen o acento no emprendemento desde o rural e na economía circular, foi presentado pola deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, durante un acto que tivo lugar en Lalín.

Os viveiros da Deputación, que acollen actualmente a 22 "Depoemprendedoras/es", convertéronse nestes cinco anos nunha ferramenta fundamental como demostran as cifras de ocupación. Así Barro ten ocupadas as 16 naves produtivas con 12 empresas e outras 12 empresas están nas 15 oficinas existentes. En Lalín, a ocupación chegou ao 100 %, pois hai empresas nas tres naves e tamén na totalidade das catro oficinas dispoñibles (unha quinta é a sede do programa provincial "SmartPeme").

Ana Mejías destacou os efectos que as políticas de emprego da Deputación están a producir e puxo en valor os viveiros "que non só uns espazos físicos, senón tamén unha contorna de acompañamento, asesoramento, formación e mentorización que permite que o que eran ideas ou ambicións empresariais saian adiante". A deputada recalcou que Barro e Lalín son hoxe dúas lanzadeiras empresariais imprescindibles que comezan a ter listaxes de agarda para ocupar os seus espazos, recollendo así os froitos do traballo que se fixo nos últimos anos.

A Deputación lanza con este terceiro Plan de dinamización un completo calendario de actividades para continuar a mellorar a carta de servizos da que poden gozar as persoas emprendedoras que decidan utilizar os viveiros de empresas. Arranca co II Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural, que terá formato en liña e cunha duración de seis meses. As persoas participantes terán ao seu dispor os espazos coworking de Barro e Lalín. As persoas interesadas teñen de prazo ata o próximo 24 de xuño para presentar as súas solicitudes. (Máis info en ww.depo.es).

En segundo lugar, a Deputación lanza a campaña "Descubre o teu espazo interior" deseñada por Carolina Diéguez, gañadora do concurso de ideas para a promoción dos viveiros convocado en 2020. A propia Carolina explicou hoxe, en conexión telemática, como xurdiu o concepto. As actividades consistirán nun xogo de preguntas e respostas en Twitter sobre os propios viveiros e o emprendemento, a elaboración dun e-book e publicación de actividades de "Experiencias viveiristas" en distintas canles sociais.

Olga Rivas, da fundación Roberto Rivas, participou no resto de actividades, nas que se conta coa súa participación. "Pensando en circular", iniciativa consistente nun obradoiro teórico-práctico de catro horas, tamén en modalidade telemática, para difundir a economía circular será a primeira. Entre outras cousas abordaranse os principios e aplicacións prácticas do ecodeseño. Está dirixido a persoas emprendedoras, micropemes e pemes e mesmo estudantes. Nesta mesma liña haberá un obradoiro para divulgar o coñecemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda2030 na liña das tendencias que está a marcar na Unión Europea e na crenza de que as fronteiras entre a sostibilidade e a economía hai tempo que deixaron de existir.

A Deputación lanzará, ademais, unha acción que baixo o título de "Territorios emprendedores" coa que busca, a través de metodoloxías participativas, as achegas de colectivos e persoas referentes co fin de alcanzar respostas compartidas para o reto de emprender desde un territorio concreto, como a comarca de Deza. O Plan de dinamización complétase cunha nova campaña de visitas para coñecer os viveiros de Barro e Lalín dirixida a centros de formación e ocupacionais, incluíndo tamén charlas nos propios centros educativos. Finalmente, ponse en marcha un Plan de apoio para reforzar a atención á/ao viveirista cun servizo de consultoría e formación a través do que se quere dar resposta ás dificultades específicas e puntuais dos seus proxectos.