Noticias

Os rapaces e rapazas de educación especial de Príncipe Felipe axardinan o contorno do composteiro de Barro

A deputada de Príncipe Felipe Eva Vilaverde asegurou que o acto de hoxe foi un símbolo de como se pode "pechar o círculo e aproveitar os residuos para devolverlle á terra o que nos dou"


02 dec 2016
Composteiro Barro
axardinamento barro

O  deputada responsable de Príncipe Felipe e Areeiro, Eva Vilaverde, asistiu hoxe ao acto de inauguración do axardinamento do centro de compostaxe comunitario que se instalou en Barro ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación. A nacionalista agradeceu o traballo que fixeron nove mozos do Programa formativo de xardinería e viveirismo do Centro de Educación Especial de Príncipe Felipe, quenes estiveron traballando durante un mes para acondicionar o contorno do composteiro. Estes, ademais, plantaron hoxe unha maceira e varias campánulas co primeiro compost obtido do lixo orgánico aportado pola veciñanza da zona.

Vilaverde destacou que o concello de Barro está a ser un exemplo en canto á implicación veciñal na compostaxe, xa que a colaboración é máxima. "Despois da visita a Navarra, este é o primeiro composteiro real que visito nun concello, e vexo que é un éxito. Que todo funcione ben e que os veciños e veciñas vexan as súas vantaxes é o primeiro paso para un cambio de concepto sobre o lixo. É o punto de arranque para cambiar o modelo e que a compostaxe pase a ser un sistema de tratamento de residuos universal para todo o concello de Barro", explicou.

Así mesmo, a deputada subliñou que a plantación da maceira e das plantas con flor que se fixo no día de hoxe co primeiro compost do centro de compostaxe é un acto simbólico que demostra que é posible outra maneira de facer as cousas. "Demostramos como se pode pechar o círculo e aproveitar os residuos para devolverlle á terra o que nos dou: podemos darlle un uso ao lixo, xa que este é útil como fertilizante da terra e desa terra sairán froitos".

Por outra parte, Vilaverde tamén quixo agradecer o traballo do Centro de Educación Especial de Príncipe Felipe que, ademais de colaborar co axardinamento en Barro, tamén está implicado na compostaxe nas súas instalacións dentro da cidade infantil en Pontevedra, apostando polo proxecto de ‘Residuo zero' separando correctamente as diferentes fraccións do lixo. Por outra banda, a deputada lembrou que o centro de Educación Especial tamén traballa cos seus alumnos coas aulas didácticas sobre froitas de primavera e outono realizadas na Estación Fitopatolóxica de Areeiro, polo que augurou moitas outras futuras colaboracións.

Durante a mañá de hoxe os rapaces do centro de Educación Especial recibiron uns diplomas do Concello de Barro polo seu traballo de axardinamento da parcela municipal da man do alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes e o tenente de alcalde José Sanmartín. Un grupo de sexto de Primaria do colexio Amor Ruibal, que está a traballar nun proxecto sobre compostaxe, tamén asistiu ao acto, no que o mestre composteiro da Deputación, Quique Pintos, explicou varias cuestións básicas.

O vindeiro 4 de xaneiro o Concello de Barro celebrará tamén unha festa da reciclaxe, na que se poderá repartir o primeiro compost do composteiro aos veciños participantes na iniciativa do Plan Revitaliza.