Noticias

Os rapaces dos centros de acollida de Príncipe Felipe aprenderán a facer música con materiais reutilizables

Os máis de 200 cativos e cativas escollen actividades extraescolares que van desde obradoiros de cociña e música a expresión corporal ou deportes


14 out 2015

Cociñar uns biscoitos, modelar arxila, facer graffitis, plantar unha horta para ter produtos de consumo propio ou aprender a crear música con materiais reutilizables son algunhas das actividades extraescolares ás que se poden apuntar os 207 rapaces e rapazas dos centros de acollida de Príncipe Felipe, dependentes da Deputación de Pontevedra. A dirección do centro acaba de deseñar un amplo programa de obradoiros, relatorios e celebracións que se desenvolverán ao longo do curso para que as pequenas e pequenos internos e do centro de día, en función das súas idades, intereses e capacidades, completen a súa formación como o faría calquera rapaz ou rapaza da súa idade.

A deputada de Benestar Social, Eva Vilaverde, sinalou que estas actividades "son fundamentais para o desenvolvemento das aptitudes e a personalidade dos nenos e nenas das unidades de convivencia, contribúen á normalización da súa vida e á súa integración no contorno, xa que se trata das mesmas actividades extraescolares ás que se apuntarían de estar no seo de calquera familia".

As actividades pódense combinar entre si e desenvólvense tanto nas propias unidades de convivencia (pisos nos que viven os rapaces) coma no exterior da Cidade Infantil, así como noutros centros específicos.

No plan de actividades está incluída a celebración dun día da froita, mañá xoves 15 de outubro (de 16:30 a 18:30 horas), na que os rapaces probarán diferentes tipos de froita de temporada, como ocorre noutros centros escolares. Tamén se organizará unha xornada dedicada ao Samaín, dous magostos, así como actos para a celebración do Día Internacional da Infancia.

Por outra banda, este ano porase en marcha un obradoiro de ecopercusión. Trátase dunha actividade nova que consiste en facer música a través de materiais reutilizables e que comezará o vindeiro luns. Neste caso haberá un profesor especializado que se achegará aos centros de acollida para traballar cos 44 alumnos. A este obradoiro súmanse outros de actividades manuais, cociña, expresión corporal, expresión artística (debuxo, pintura, graffitis...) ou natureza.

Están programados tamén obradoiros e charlas sobre educación en valores, que se centrarán nas problemáticas específicas de cada menor.

Obradoiros sobre roles de xénero e condutas infractoras

En Príncipe Felipe haberá actividades sobre violencia sexual, roles de xénero e prevención da violencia de xénero, acoso e ciberacoso, condutas infractoras, teatro, educación afectivo-sexual e consumo de substancias aditivas. Para a súa realización contarase con colaboradores externos tanto da Policía coma da maxistratura, así como outros técnicos especialistas. Porase en marcha tamén un "cinefórum" no que se proxectarán películas que despois serán analizadas en actividades de reflexión a partir das guías adaptadas que se lles ofrecen aos rapaces e rapazas. 

Por outra banda, os rapaces poden escoller tamén diferentes actividades deportivas. Ademais da participación dalgúns menores en escolas deportivas e clubs de fútbol realízanse actividades nas instalacións de Príncipe Felipe entre as que destacan fútbol, fútbol sala, judo, baloncesto, ximnasia rítmica, deporte de mantemento e descarga e natación (na piscina de Campolongo). Neste ámbito os educadores responsables de cada unidade de convivencia e dos menores orientan os rapaces sobre o tipo de exercicio máis acaído en función das súas necesidades e casuística persoal "para poder dar saída e liberar as emocións e tensións acumuladas", segundo indica o director de Príncipe Felipe, José Ramón Couto.

80 cativos en réxime de internado

Príncipe Felipe recibiu este curso 207 rapaces de entre cero e 18 anos que utilizan o servizo dos centros de acollida tanto en réxime interno coma sen pernoctar nas instalacións. É o centro das súas características máis grande de toda Galicia e acolle nenos que carecen dun ambiente familiar axeitado, en risco de exclusión ou con algún tipo de dificultades, co fin de proporcionar un contorno que lles permita adquirir un desenvolvemento integral. Parte deles chegan por indicación dos profesionais dos Servizos Sociais da Deputación provincial e outra parte a través de ordes da Xunta de Galicia. Nestes momentos en Príncipe Felipe hai 80 nenos en réxime de internado nos tres centros de acollida (Infantil, Agarimo e a Escola-Fogar). Deses rapaces proveñen da comarca de Pontevedra un total de 29, outros 14 chegan da comarca de Vigo, 7 da comarca do Baixo Miño, 6 do Condado-A Paradanta, 6 do Morrazo, 6 do Salnés, 5 de Deza-Tabeirós-Terra de Montes e 1 de Caldas.