Noticias

Os primeiros 'Cantares de cego' do Ano Castelao poderán escoitarse en Arbo

A actuación celebrarase polas rúas de Arbo, no marco dos actos da Festa da Lamprea, e correrá a cargo do músico Luis 'O Caruncho'


22 abr 2016

Os primeiros 'Cantares de Cego' incluídos na programación do Ano Castelao celebraranse mañá en Arbo. Trátase de recuperar a tradición de narración oral e música no marco de feiras e romarías populares, polo que se escolle como escenario para esta primeira actuación o marco da LVI Festa da Lamprea. Así, ás 12 da mañá o músico Luis 'O Caruncho'  acompañado pola súa zanfona actuará polas rúas de Arbo.

Esta actividade está incluída como unha das máis singulares dentro da programación do Ano Castelao que o departamento provincial de Cultura e Lingua está levando polos 62 concellos da provincia. O programa inclúe actividades vinculadas con algunha das disciplinas culturais e artísticas que o propio Castelao foi desenvolvendo ao longo da súa traxectoria. Neste caso en concreto, o punto de partida é o protagonismo que as persoas cegas sempre tiveron na obra de Castelo, e coas que el sempre se sentiu identificado, tanto polo seu papel social naquela época como polas afeccións visuais que o artista sufriu ao longo de toda a súa vida -hai que lembrar que cara ao final da súa vida Castelao perdeu a vista case por completo-. Os cegos que protagonizan os seus cadros e as súas estampas son representados como homes e mulleres que percorrían feiras e mercados tocando, cantando e contando historias acontecidas ao longo e ancho do país.

Así, os romances que compoñen o repertorio de Luis 'O Caruncho' estarán marcados pola retranca e incluirán tanto pezas tradicionais como contemporáneas. Unha actuación que entronca directamente coa tradición dos cegos que, acompañados por unha zanfona ou violín, percorrían as feiras e romarías como principias puntos de encontro social para transmitir sucesos e acontecementos notorios que podían ser desde milagres de santos ata historias locais de bandidos ou crimes, pero sempre caricaturizando os personaxes.

Despois de Arbo, tanto Luis 'O Caruncho', como Luis do Viso levarán os romances dos 'Cantares de Cego' a Campo Lameiro, Cerdedo, Crecente, Dozón e Mondariz Balenario.  O programa de actividades culturais do 'Ano Castelao' está conformado por exposicións, concertos e obradoiros infantís co obxecto de contribuír a complementar as programacións culturais locais, co obxecto de chegar a toda a poboación da provincia. Ao longo de todo o ano, chegarse á totalidade dos 62 concellos de Pontevedra.


Novas relacionadas