Noticias

Os núcleos Seixas e Vilar, en Vilaboa, contan cun novo pavimento grazas a unha achega da Deputación de preto de 130.000 euros

Santos Héctor: "Esta é unha obra que vai facilitarlle a vida a moita xente, porque permitiu asfaltar dous quilómetros dunha pista na que hai decenas de vivendas"


01 marzo 2021
Visita obras Vilaboa

Acceder ás vivendas situadas nos núcleos rurais de Seixas e Vilar, no concello de Vilaboa, é agora máis sinxelo. Os camiños do contorno locen un novo pavimento grazas a un investimento de preto de 130.000 euros chegados do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Os deputados provinciais Santos Héctor e Ana Laura Iglesias visitaron as actuacións na compañía do alcalde de Vilaboa, César Poza, e a concelleira María Canosa.

Para Santos Héctor esta é "unha obra magnífica que mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas da zona" pois débese ter en conta que "rehabilitouse por completo todo o pavimento na estrada local que comunica os núcleos de Seixas e Vilar e os seus camiños laterais". Tal e como indicou o deputado provincial, a pista sobre a que se actuou ten unha lonxitude de dous quilómetros e inclúe a capilaridade típica da Galicia rural. Santos Héctor destacou: "Esta é unha obra que vai facilitarlle a vida a moita xente, porque asfalta dous quilómetros dunha pista na que hai decenas de vivendas". "Con obras como esta", engadiu, "mellórase a seguridade e a facilidade para poder desprazarse entre estes núcleos". Na súa visita o deputado provincial referiuse tamén ao Plan Concellos a través do cal "son os concellos os que deciden, xa que os gobernos municipais son os que están apegados ao territorio e son perfectos coñecedores das prioridades".

O alcalde de Vilaboa coincidiu na posta en valor do Plan Concellos, posto que " para un concello como o noso, que conta con escasos recursos dada a dispersión poboacional, saber a contía coa que imos poder contar a comezos de ano é algo fundamental". Sen el "concellos coma Vilaboa non poderíamos afrontar obras coma esta e que puidemos levar a cabo grazas ao investimento que achega a Deputación", resaltou César Poza. Para este 2021, lembrou, o Concello de Vilaboa contará con outros 513.177 euros do Plan Concellos.

Grazas a estas actuacións rehabilitouse e renovouse o pavimento da estrada local que comunica estes dous núcleos así como unha serie de pistas locais que comunican con ela. Trátase dunha pista de dous quilómetros de lonxitude con moitos ramais –con anchos comprendidos entre os tres e os cinco metros– que dá servizo a un importante número de vivendas e que antes destas obras do Plan Concellos contaba cun pavimento con fisuras e con síntomas de desintegración superficial. Ademais, tamén se levou a cabo a reparación puntual da drenaxe existente e incluíronse elementos de seguridade como redutores de velocidade.